Unha de adiviñas e anagramas
xosi @ 12:15
Entre a ducia de lectores habituais de O Blog de Xosi está o meu homónimo Froxón, natural das terras de Palas, artesán de bebidas carbonatadas e lector promiscuo e inclemente onde os haxa. Onte fíxome un chamado telefónico para rifarme por non contestarlle a un correo electrónico seu que, polo que vin, debeu darlle o seu traballo. Tívenlle que explicar que abro a miña conta de correo só cando me acorda, que debe ser unha vez ao mes. Antano, a chegada do carteiro ou ver un anaco de papel asomando pola túa caixa de correos abondaba para saber que tiñas correspondencia; agora, cousa dos tempos modernos, tes que ir a Internet e, se non o fas con frecuencia, escaravellar entre moreas de lixo postal para tentar atopar algunha palabra amiga digna de ser contestada, como esta que nos ocupa.
O caso é que o Jose, así para os amigos, sen til e sen x, vendo que ando a voltas coa lingua de Scarlett Johansson (non pensedes mal, que vén sendo a mesma que a de Shakespeare se non falamos stricto senso) mandoume unha adiviña en inglés. É fermosa coma un poema bucólico e doada, de maneira que o gozo vén da súa lectura e non da súa resolución:
An Autumn riddle They are seen on the trees, they are seen on the ground. They are seen in the air, whirling softly around. They sing rustling songs as our footsteps they hear, and their name is well known, for they come every year.A tradución que nos facilita o Jose é a seguinte:
Unha adiviña de outono Vense nas árbores, vense no chan, vense no ar, xiran docemente e van. Cantan sons rumorosos, cando oen os nosos pasos, o seu nome é ben coñecido porque volven todos os anos.A adiviña serviunos, tamén, para lembrar ao malo máis malo de todos os malos na saga de Harry Potter: Lord Voldemort. A Rowling válese dun anagrama para derivar o nome orixinario do personaxe cara a aquel que deveu en ominoso tabú impronunciable no mundo máxico. O devandito anagrama, como calquera xogo de palabras, deu as súas dificultades aos tradutores da obra a outras linguas, que tiveron que facer encaixe de bolillos para trasladalo. Se nos atemos ao segundo volume da heptaloxía (Harry Potter and the Chamber of Secrets), onde aparece por primeira vez o anagrama, o nome orixinal do noso personaxe era Tom Marvolo Riddle; trocando a orde das letras, Rowling saca I am Lord Voldemort. Na edición española, deturpan a polisemia do apelido, creando un Tom Sorvolo Ryddle que nos deixa un Soy Lord Voldemort. Como en galego non temos a letra y, puidemos ser máis fieis ao orixinal; así, Eva Almazán, a traductora, optou por un Tom Morlov Riddle, que nos deixou un Milord Voldemort. A importancia de conservar Riddle coma no orixinal non é pequena, pois significa, como ben me aclarou o Jose, adiviña, misterio, enigma. Xa o ves meu, se os tradutores profesionais teñen problemas para traducir algo tan simple coma este anagrama, como non os imos ter nós, cuxos coñecementos de inglés do bacharelato van esmorecendo no tempo coas nosas neuronas cal caducas follas outonizas?

Chúzao
del.icio.us







Comentarios(4) »
Kkkk... Muito divertida vc, Xosi!
Entendo perfeitamente o que escreves, é impressionante! E ótimo!
Fikemos linkadas.
Besos!
Eh ben!! non te fíes dos coñecementos do bacharelato!! Houboos que só estudaron francés ¿non?
En todo caso, sería bó ter unha traducción mellor que a do Jose, que é un pouco ao chou, e seguro que nen siquiera estudou linguas en serio.
Non esquezas revisar o correo de cando en vez; de feito, podes utilizar un programiña que che avisa cando tes novos correos, e podes abrir unha nova conta en gmail, o único correo que fai cóchegas na túa mente cando o usas. Deste xeito quitarás de enriba o lixo e quedaraste coas verbas amigas.
... por certo, hai tempo que non falas da túa horta!!
Se cadra algún día falo con ese gmail, pero non o sei seguro; son moi esquecedizo das citas coa alta tecnoloxía. Dende logo, a horta non me quita tempo para facelo (teño demasiado choio e, ao final, deixei o oficio de labrego). En canto a unha posible tradución mellor, a ver que che parece esta, feita con eneasílabos e rima asonante nos versos pares:
"Cantan susurrantes cancións,
cando os nosos pasos escoitan,
o seu nome é ben coñecido
porque cada ano retornan".
Deixar un Comentario