Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

386-gervasio-sanchez.gifHai pouco souben dunha nova que aconteceu hai un ano. Tivo que ver cos premios Ortega y Gasset que outorga o xornal El País. O 7 de maio de 2008, o devandito galardón á mellor fotografía recaía en Gervasio Sánchez, un deses profesionais coraxentos que dedica vida e oficio a denunciar a cara máis escura do ser humano. Un amigo pasoume por correo electrónico o discurso de Gervasio e, tras lelo, souben o porqué do silencio mediático que arrodeou o recoñecemento á obra deste home; o porqué de que nin sequera me soase o seu nome; e, de paso, imaxinei as caras que habían poñer os altos cargos de PP e PSOE que engraiaban as butacas do auditorio. Velaí vos vai. Paga a pena.

“Estimados membros do xurado. Señoras e señores.

388-gervasio-sanchez-3.gifÉ para min unha grande honra recibir o Premio Ortega y Gasset de Fotografía, convocado por El País, xornal onde publiquei as miñas fotos iniciáticas de América Latina na década dos oitenta e os meus mellores traballos realizados en diferentes conflitos do mundo durante a década dos noventa, moi especialmente as fotografías que tomei durante o cerco de Saraievo.

Quero dar as grazas aos responsábeis do Heraldo de Aragón, do magazine de La Vanguardia e a Cadena Ser por respectar sempre o meu traballo como xornalista e permitir que os protagonistas das miñas historias, tantas veces seres humanos extraviados nos sumidoiros da historia, teñan un espazo onde chorar e berrar.

387-gervasio-sanchez-2.gifNon quero esquecer ás organizacións humanitarias Intermon Oxfam, Mans Unidas e Médicos sen Fronteiras, a compañía DKV Seguros e ao meu editor Leopoldo Blume, por apoiarme sen fendas nos últimos doce anos e permitir que o proxecto Vidas Minadas, ao que pertence a fotografía premiada, teña vida propia e un longo percorrido que pode durar décadas.

Señoras e señores, aínda que só teño un fillo natural, Diego Sánchez, podo dicir que, como Martin Luther King, o gran soñador afroamericano asasinado hai corenta anos, tamén teño outros catro fillos vítimas das minas antipersoas: a mozambiqueña Sofia Elface Fumo, á que vostedes coñeceron xunto á súa filla Alia na imaxe premiada, que concentra toda a dor das vítimas, pero tamén a beleza da vida e, sobre todo, a incansable loita pola supervivencia e a dignidade das vítimas; o camboiano Sokheurm Man; o bosnio Adis Smajic; e a pequena colombiana Mónica Paola Ojeda, que ficou cega tras ser vítima dunha explosión aos oito anos. Si, son os meu catro fillos adoptivos aos que vin ao borde da morte, vin chorar, berrar de dor, medrar, namorarse, ter fillos, chegar á universidade. Asegúrolles que non hai nada máis fermoso no mundo que ver a unha vítima da guerra perseguir a felicidade.

389-gervasio-sanchez-3.gifÉ certo que a guerra funde as nosas mentes e nos rouba os soños, como se di no filme “Contos da lúa pálida”, de Kenji Mizoguchi. É certo que as armas que circulan polos campos de batalla adoitan a se fabricar en países desenvolvidos coma o noso, que foi un grande exportador de minas no pasado e que hoxe dedica moi pouco esforzo á axuda ás vítimas das minas e ao desminado. É certo que todos os gobernos españois, dende o comezo da transición, encabezados polos presidentes Adolfo Suárez, Leopoldo Calvo Sotelo, Felipe Gónzalez, José María Aznar e José Luís Rodríguez Zapatero, permitiron e permiten a venda de armas españolas a países con conflitos internos ou guerras abertas. É  verdade que na anterior lexislatura duplicouse a venda de armas españolas ao mesmo tempo que o presidente incidía na mensaxe contra a guerra e que hoxe fabricamos catro tipos distintos de bombas de acio cuxo comportamento no terreo é semellante ao das minas antipersoas. É verdade que me sinto escandalizado cada vez que atopo armas españolas nos esquecidos campos de batalla do terceiro mundo, e que me avergonzo dos meus representantes políticos.

Pero como Martin Luther King, quérome negar a crer que o banco da xustiza está en quebra, e como el, eu tamén teño un soño: que, por fin, un presidente dun goberno español teña a coraxe suficiente para pór fin ao silencioso mercadeo de armas que converte ao noso país, gústenos ou non, nun exportador da morte.

Moitas grazas".

389-gervasio-sanchez-5.gif

 

Chúzao | del.icio.us

Comentarios(3) »

#1
jf


#2
jf

http://www.youtube.com/watch?v=VdOt_jV4D4M

#3

Grazas, jf. De cotío, a verba mentireira dos políticos cae por si mesma. O enlace que vedes de youtube corresponde a unha pregunta que lle fixeron a Zapatero, en directo, sobre a venda de armamento español a Israel, saíndo o presidente polos cerros de Úbeda... O cheiro a hipocrisía é abafante.

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>