Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Recendos literarios

xosi @ 18:11

Disque unha imaxe vale máis ca mil palabras. Eu engadiría que un recendo vale máis ca mil imaxes. A min pásame sempre co engaiolante olor da bosta ou os efluvios dalgunha das poucas cortes que aínda se estran con toxo no país; ambos recendos devólvenme directamente aos veráns que aquel neno que eu era, fillo de emigrantes en Barcelona, pasaba nunha parroquia de Palas de Rei chamada Vilareda. Ou cando vas pola rúa e cruzas cunha muller que se parapetou tralo mesmo perfume que impregnaba a pel da rapaza que te roubou o corazón na adolescencia. Pásame tamén co aroma salobre da auga mareira, a area quente na planta dos pés, e un sol cenital abrindo en abano a inmensidade azul do océano a filtrarse en raxeiras mentres a miña percepción se extasia mergullada entre peixes e medusas; necesariamente, retorno á praia da Barceloneta, ao Mediterráneo, da miña infancia.

377-marcel-proust.gifSe cadra, o caso máis celebérrimo que temos na historia da literatura en cuestión de recendos evocadores do pasado é o da madalena mollada en te cuxo aroma e sabor convocaron en Marcel Proust tal enxurrada de lembranzas que o home botou case vinte anos en escribir e publicar as entregas que integran a monumental En busca do tempo perdido; lémbrame ao personaxe borgiano, Funes el memorioso, que era quen de lembrar absolutamente todo o que lle acontecía na vida, de tal maneira que botou a segunda metade da súa existencia lembrando o que lle pasara na primeira. Un pouco seguindo un camiño semellante ao de Proust, o poeta Antonio Gamoneda vén de publicar Un armario lleno de sombra, unha 382-un-armario-lleno-de-sombra.gifautobiografía dos seus primeiros e difíciles anos de vida, xusto ata que cumpre os catorce. A xénese do libro acontece cando o escritor abre o armario da nai morta e os olores nel contidos desatan unha reacción en cadea na súa memoria.

A quen eu quería chegar, nembargante, é a Charles Baudelaire. Na aínda recente segunda edición da Feira do Libro do Camiño de Santiago, celebrada en Melide a pasada fin de semana -do 1 ao 2 de agosto-, adquirín no caseto de Parrado As flores do mal, traducidas ao galego por Gonzalo Navaza nun deses tours de force da translación no que se tenta emular ritmos, metros e rimas para gardar a máxima fidelidade ao orixinal sen traizoar o sentido. De tolos. A Darío Xohán Cabana, que fixo o mesmo con A divina comedia de Dante (mentres exercía de policía municipal en Corcubión), ou co Cancioneiro, de Petrarca, escoiteille definir nunha conferencia, parafraseando a Ferrín, o labor tradutor así concibido como a “construción de catedrais paralelas”.

381-baudelaire-2.gifHai un poema en As flores do mal que antecedeu ao famosísimo exemplo proustiano da madalena en máis de medio século e que, aínda que infinitamente máis breve, para min é dunha intensidade e beleza que esbouran á luz da biografía baudeleriana. Fillo dunha nai puritana e fillastro dun xeneral do exército francés, Charles Baudelaire resultou ser a antítese do que seus proxenitores pretendían del. Pouco máis ca un adolescente, viviu con fervor a bohemia parisiense da metade do século XIX, frecuentando prostitutas, nadando en alcol e haxix e, aínda que obtivo o título de bachiller, sendo expulsado do Collège Louis-le-Grand onde estudiaba. Daquela época de desenfreo habíalle quedar a pegada da sífilis.

Ás penas con vinte anos, seu padrasto decide envialo ao estranxeiro para ver se así deixaba a licenciosa vida que estaba a levar. Serán dezaoito meses de travesía polos mares do sur cunha delongada estadía en Calcuta. Sen querer, o xeneral Jacques Aupick agasallaría ao seu fillastro co maior tesouro que gardou en vida: o seu paraíso perdido. Nun soneto perfecto, Baudelaire lembra ese espazo e ese tempo no duodécimo poema de As flores do mal, que leva por título A vida anterior:

“E así foi que vivín entre delicias calmas
rodeado de azul, de ondas, de esplendores
e de escravos espidos, impregnados de olores,
a refrescarme a fronte abaneando palmas,
sen máis preocupación que afondar na ferida
do doído segredo que me roubaba a vida”.

378-jeanne-duval.gifO regreso a aquel París gris e decimonónico, frío, de pedra e feluxe, debeu ser un choque brutal para o poeta. Boa parte da súa obra capital, As flores do mal, pivota sobre un sentimento que el chamou Spleen e que se asemella á náusea de Sartre ou á anguria vital de Heidegger. Nada que ver coa calideza e luminosidade absolutas, co sentimento de liberdade, que experimentou nos mares do sur. Mais no medio de toda esa sordidez habería atopar un nexo, un elo, que o levaría de regreso, sempre que el quixera, ao paraíso perdido: Jeanne Duval, unha prostituta mulata de orixe haitiana coa que mantería unha longa e tormentosa relación. No vixésimo segundo poema de As flores do mal, titulado Perfume exótico, xa menta o tema:

“Cando pecho os meus ollos no cálido solpor
e respiro o perfume do teu peito ardoroso,
vexo abrise ante min un litoral gozoso
baixo soles monótonos de brillo cegador.
(...)
Seguindo o teu olor cara ás rexións máis belas
vexo un porto repleto de mastros e de velas (...)”

Será o seguinte poema, o vixésimo terceiro, o que nos revele a orixe dese recendo evocador. Titúlase A cabeleira e comeza así:

“Oh vélaro ondulante que cae sobre a coleira!
Oh bucles, oh perfume indolente e oufano!
Éxtase! Nesta noite encho a alcoba baleira
coas lembranzas que dormen na túa cabeleira
axitándoa no aire como se axita un pano.
 
A África ardorosa e o delicado Oriente,
mundos case defuntos, de exóticos costumes,
oculta a túa entraña, oh bosque recendente!
Como outras almas nadan na música envolvente,
meu amor, a alma miña navega os teus perfumes".

E seguen vinte e cinco versos máis que afondan nesa ponte de cabelo que o poeta cruza todas as noites que pode -tantas como os cartos que lle administran dan pagado- cara aos mares do sur. Todo grazas a un recendo.

379-jeanne-duval.gif

Chúzao | del.icio.us

Un Comentario »

#1
aopedofarelo

Realmente fantastico este post. Eu non teño un moi bo olfato, pero vexo que na historia hai cousas realmente fermosas...De calquera xeito o do recendo, a nostalxia do pasado, os rfecordos...asociados ós sentidos é tan real como que despois un queda vacio...cando se da conta do que foi.

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>