Estorniños na restreba
xosi @ 17:39

A semana pasada, segaron un prado que hai a carón da nosa casa. Nel veñen pacendo, de cotío, unha parella de cabalos e máis un poldro. Vese que as abondosas choivas do que vai de verán propiciaron que as súas queixadas non desen abasto. Así que o dono das bestas colleu de tractor e rozou o herbal. Non se fixeron agardar. Axiña o motor diesel deixou de bruar apareceron os estorniños (Sturnus vulgaris) a restrebar entre os canotos. Trouxeron á miña memoria o documental de Agnès Varda Les glaneurs et la glaneuse, que puidemos ver en castelán traducido como Los espigadores y la espigadora.
A que está considerada como a avoa da Nouvelle vague francesa, armada tan só cunha cámara de vídeo doméstica e unha inesgotable curiosidade, botouse á estrada, no intre de estarmos a entrar no terceiro milenio, para levantar acta do que ficaba da vella arte da restreba. Unha das acepcións de restrebar é a de aproveitar os restos da colleita que ficaron ciscados pola leira trala sega. Sen traizoar esta significación inicial, Varda lévanos da súa man no devandito filme para ver a vagabundos facer a súa particular restreba nos contedores de lixo dos supermercados e das prazas de abastos arrepañando aquilo que esta sociedade enferma de opulencia rexeita: alimentos perfectamente comestibles que se desbotaban e desbotan por toneladas por non ter o tamaño e a forma que esixen os clientes –froitas e hortalizas, nomeadamente- ou cuxa data de caducidade está vencida, non
así a súa salubridade. Tamén, como non, habíaos que facían a restreba con todo tipo de obxectos e materiais tirados como desperdicios, unha sorte de recicladores da hipertrofia do noso consumismo. A propia autora, coa súa cámara en man, rematou por revelarse como unha apañadora de imaxes, sendo o documental o resultado final da súa singular e intelixente restreba. Imaxes para reflexionar pero, sobre todo, para ollar; olladas, xa que logo, que nos levan eses versos afiados como gadañas que Darío Xohán Cabana dedicou á Muller labrega e aos que puxeron música Mini e Mero baixo o alias de A Quenlla: “Ollade os longos traballos. / Ollade as longas tarefas. / Ollade os longos solpores / que agonían nas restrebas”.


Chúzao
del.icio.us







Non hai Comentarios »
Deixar un Comentario