Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Manimal Tiersen

xosi @ 01:26

366-tiersen.gifExcesivo, xenial, rotundo, insobornábel, único. Son adxectivos que me veñen á mente despois do inesperado concerto que o bretón Yann Tiersen descargou na cidade da Coruña (Expocoruña, 3 de xuño de 2009). Recoñezo que non agardaba un concerto así. E dáme tamén que o meirande dos miles de persoas congregadas no recinto feiral coruñés, tampouco.

De feito, creo que case todos agardabamos algo máis melódico, máis Amelie, para que enganarnos. Pero non. Yann Tiersen non cedeu. Non subiu ás táboas para satisfacer ao público, senón 367-tiersen.gifpara tocar. Só para tocar. Lacónico, case que antipático, dedicouse a debullar tema tras tema sen facer moito caso do auditorio que tiña diante súa. Dende o comezo ata o final, Tiersen quixo que dominase o formato roqueiro fronte ao rexistro entre o folk e as novas músicas ao que nos tiña afeito. Certo que nas cancións seguía a notarse a pegada habitual, ese órgano infantiloide de fondo, a presenza recorrente do violín, o minimalismo como denominador común. Mais as cancións, unha si e outra tamén, desmandábanse sempre, botábanse ao monte para acadar rexistros sonoros situados na fronteira que separa á música do ruído. Para que vos fagades unha idea, da panda de rapazas que tiña diante miña, dúas liscaron ao comezo polo exceso de decibelios, e as que quedaron termaron con estoicismo todo o recital, a pesares de verse obrigadas a tapar os oídos coas mans en varias ocasións. A apatía xeneralizada diante das brutais descargas sónicas que ceibou Yann Tiersen dan fe de que case todo o mundo estaba descolocado.

368-tiersen.gifTan só condescendeu, no ecuador da hora e media escasa que tocou, co celebérrimo solo de violín que é Sur le fil. Ao final, nos bises, chiscounos o ollo con La valse d’Amelie, pero, fiel á folla de rota trazada, nada que ver coa versión agardada. Se a fermosísima melodía de La valse d’Amelie fose un rostro de plastilina, Tiersen comezou deformándoo nos teclados coma un roqueiro progresivo sádico, para tripalo in crescendo cara a un final que non dubidaría en cualificar de trash metal de non ser porque había un violín entre os cinco instrumentos que estaban a ser tocados.

365-tiersen.gifA pesares de que non asistín ao concerto que imaxinaba, a pesares de que Yann non invocou a miña vea melancólica con ningún tema de Goodbye Lenin, a pesares de violar incestuosamente e de malas maneiras a Amelie Poulain, gustoume. E gustoume porque vin a un músico singularísimo, con moita personalidade, un grande amor polo seu arte e ningunhas ganas de que o público lle dixese por onde debía ir. Sóubome o recital a desquite, a rachar coas etiquetas que lle tiñan posto. Os que buscaban melodías bonitas atopáronse cunha escorrentada de menhires, coa embestida dun rinoceronte decibélico, cun enfant terrible que se me antollou un Arthur Rimbaud cunha guitarra eléctrica ao lombo. Iso, máis cá música, foi o que me gustou del. Unha actitude máis que loábel nestes tempos nos que moitos músicos darían un brazo por ter a fama de Tiersen, darían un brazo para que lles desen a oportunidade de repetirse e autoparodiarse a cambio de lucrativos beneficios. O concerto de onte na cidade herculina demostrounos que Yann non pasou polo aro.

Déixovos con ese nexo entre o Yann Tiersen de antes e o de onte na Coruña. Sur le fil. Furia e minimalismo. Manimal.

Chúzao | del.icio.us

Comentarios(5) »

#1
Roi

Pois a min non me gustou, foi como asistir a un engano, eu fun a ver o que a min me fixo gustar da súa música, e alí non puiden velo. E vin moitísimas caras de decepción.

#2

Eu creo que, coma ti, tododiós. Eu tamén tería preferido escoitar ao outro Tiersen, con piano, acordeón, etcétera. Mais tamén creo que o home é libre de facer o que queira sobre as táboas do escenario, do mesmo xeito que nós somos libres de mercarlle ou non os seus traballos ou asistir aos seus recitais. En calquera caso, o concerto estivo nas antípodas do que todos agardabamos del.

#3

Eu ía con ganas de ver a un xenio da música, daríame igual que expresase o seu virtuosismo cun volume e cunha distorsión descomunal, cun sonido de lata, ou cun piano doce, o caso é que me fixera sentir algo, cousa á que me tiña acostumado. Pola contra para min o concerto foi bastante inexpresivo, cunhas composicións musicais tan pobres que non estiveron para nada á altura de outros traballos deste autor.Cuns teclados que se ben querían rozar a psicodelia de grupos progresivos como King Crimson para min o único que rozaron foron as composicións infantiloides de películas de serie b de drácula de décadas moi pasadas. Ademáis tivo unha falta total de compenetración e consideración co seu público, un público que fixo un desembolso económico para velo e adoralo nos escenarios, e que a pesares da decepción do concerto ó que asistiron ainda se quedaron todos expectantes e eufóricos a que saíra a facer un bis, o cal non fixo.
Por iso eu non so saín decepcionado do acontecemento, saín bastante enfadado dun concerto que levaba tempo esperando, dun concerto no que tiña postas unhas grandes expectativas, un concerto que inda que non nos custou moito sí que son considerables os 15 euros que tivemos que desembolsar. Que se quere ter este tipo de "caprichitos" de músico egocéntrico que os faga de balde

Bueno, nada máis, noraboa polo blog, e non te desilusiones se non tes moitos seguidores habituais. Os contidos son moi bos. Eu persoalmente sempre que podo lle boto un vistazo

#4

Ao final tereivos que dar un pouco a razón. Certamente, eu tamén saín decepcionado se penso non no que escoitei, senón no que me perdín: o Tiersen de antes, ese que soubo transcribir a máis esgazadora saudade nos pentagramas de Goodbye Lenin, ou debuxar a máis pura beleza nos trazos melódicos de temas como La valse des monstres. E si, o home pecou de desaborido co seu público...
¡Ah! E grazas por estar aí, na outra banda da rede. Conforta saber que un non escribe para o baleiro.

#5
Roi

Penso que Oscar describiu bastante ben o que moitos de nós sentimos alí. O único que nos dixo for 'gracias', durante todo o concerto, moitas ganas de interactuar ca xente non tiña...

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>