Dirty Michael
xosi @ 11:15Dáme que o Michael Jackson había ben tempo que palmara. Non foi onte. Así como estaba, descafeinado, descolorido, desencaixado, enclaustrado en morbosas fixacións coa infancia no seu particular Neverland ou parapetado fronte ao mundo coas súas máscaras de cirurxián, non me lembraba en nada a aquel mozo que batera no mundo co seu álbum Thriller (1982), seica o máis vendido da historia, ou co ben elaborado Bad (1987).
Se borro da miña memoria esa imaxe esperpéntica, entón véñenme á mente recordos ben intensos. En primeiro lugar, aquela Noitevella de 1983 na que emitiron en televisión o vídeo de Thriller, con personaxes tan caros ás nosas afinidades sentimentais como os lobishome ou os zombies. Nós, que, ao comezo dos oitenta, tiñamos no cumio das nosas filmografías predilectas películas que estaban irromper con ben forza nos cines de barrio como The Howling (coñecida en España por Aullidos), de Joe Dante (1980), ou Un home lobo americano en Londres, de John Landin (1981), alucinamos aquela noite de fin de ano e, a pesares de sermos heavys, non puideron saír das nosas bocas máis que gabanzas.
E é que Michael Jackson sempre tivo a intelixencia camaleónica de facer unha música que, aparte da súa indubidable calidade, tocaba tal cantidade de estilos e rexistros que era difícil non atopar un tema que non che gustase. A min pasoume co seu álbum Bad. Aparte da canción que daba título ao traballo, namoroume o Dirty Diana, cun rexistro de puro hard rock (con Steve Stevens nas seis cordas, naqueles tempos guitarrista de Billy Idol), unha estética neo-punk moi en boga a mediados dos oitenta grazas a Sigue Sigue Sputnik, e a voz de soul desgarrado de Michael. A miña memoria prefire ficar con recordos coma este que con calquera das pobres imaxes que virían despois a engrosar a lenda deste cabaleiro de triste figura.

Chúzao
del.icio.us







Non hai Comentarios »
Deixar un Comentario