Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

350-leonard-cohen.gifProbablemente, o nome de Kelley Lynch non vos soará de nada, mais si o do artista de quen foi manager: Leonard Cohen. Cohen. Teño sentido tanto coas súas cancións... Poucos artistas hai que me teñan feito vibrar tanto como Leonard Cohen. En canto a Kelley Lynch, hoxe en paradoiro descoñecido, fíxose un pouquiño famosa despois de estafarlle a Cohen todos os aforros que tiña para retirarse comodamente no que el denominou o terceiro acto da súa vida.

A cousa foi como segue. Cohen, entre 1994 e 1999, mantívose enclaustrado nun mosteiro zen de California, onde levou unha vida monacal baixo a tutela do mestre xaponés Kyozan Joshu Sasaki Roshi. Ata aí todo ben. A sorpresa levouna cando abandonou os hábitos para volver á vida segrar. Debía telo todo moi ben planificado, pois deixara cinco millóns de dólares no banco para ter unha xubilación cómoda. Os 251-cohen-zen.gifaforros de toda unha vida. Mais cando fixo números, descubriu que na conta corrente só lle quedaban 150.000 dólares. Kelley levara o resto. É unha historia moi zen, como se a vida se confabulase coas arelas espirituais de Cohen para despoxalo de todo aquilo, nomeadamente o material, que nos afasta do noso ser máis profundo.

Mais o home non debía de estar moito polo labor de renunciar ás riquezas que lle ofrecía a vida porque, agora mesmo, con 74 anos ás costas, botouse á rúa nunha grande xira que o traerá mesmo a Vigo, o 13 de agosto, supoño que para recuperar, en parte, as rendas que lle permitan ter o retiro dourado co que soñaba. Mesmo puidemos ver un concerto desta xira retransmitido pola 2 de Televisión Española, o cal da fe da forte promoción que lle están dando ao cantante canadense. Como devoto admirador de Leonard Cohen que eu son, non me queda outra que amosarlle o meu máis sincero agradecemento a Kelley Lynch; grazas a ela, Cohen fará parada e posta nun lugar tan arredado e descoñecido para os canadenses como a cidade de Vigo e, grazas a ela tamén, eu podereino ver en vivo e en directo por primeira, e probablemente única, vez na miña vida.

352-cohen-tve.gif

Chúzao | del.icio.us

Comentarios(2) »

#1

Estou dacordo contigo, eu tamen sintome un Leonard Coheniano entregado, ....posiblemente dende que na miña perdida xuventude tomei conciencia de que non estaba afeito as cousas que via, e sentia que tiña que fuxir de mi mesmo, escoitando na soidade da miña habitacion, "Susanne".

#2

A min tócame moi fondo ese discurso de home derrotado, de abismal decepción polo xénero humano, eses versos de gentleman nihilista que alcanzan a xenialidade en temas como Everybody knows ou The future, as fondas arelas espirituais plasmadas no seu compromiso co budismo zen... Demasiadas cousas en común. Tantas, que seguiremos a falar neste blog do amigo Leonard.

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>