Cuestión de ovos
xosi @ 14:05
Quen comeu natillas (a palabra non ten un equivalente en galego como Deus manda) ben sabe que constitúen todo un pracer de larpeiros baseado no minimalismo da súa receita e na calidade dos seus ingredientes. Basicamente, leite, xemas de ovo e azucre cocidos a unha temperatura mínima para evitar que se corte e aromatizados, segundo o gusto do comensal, con vainilla ou canela, ou ambas cousas que, en calquera caso, sumadas nunca derivarán en exceso dada a parvidade de músicos que tocan esta melodía de sobremesa.
Eu, que me criei gorentando as natillas industriais de Danone, que coleccionei un a un os puntos necesarios que traían nas tapas para facerme co castelo de cartón de El pequeño Cid, tiven, por forza, que aprender a facelas anos despois para tentar engadirlle ao vicio a calidade da manufactura propia e dos alimentos da casa.
Mais, velaí que as ditosas natillas propiciaban un problema. Dado que esixen só xemas, atopeime, de súpeto, cun bo feixe de claras coas que non sabía moi ben que facer. Como un non é un mestre dos fogóns e a feitura dos suflés me queda noutra galaxia, foi todo un achado descubrir a seguinte receita, sacada do libro Cociña caseira galega (Baía Edicións), de Nieves Feros, que durante ben anos rexentou o restaurante La bombilla, de A Coruña. Ten o nome de Biscoito con améndoas e claras de ovo e o resultado queda a medio camiño dos amendoados melidenses e da celebérrima Tarta de Santiago. Así, cinco ovos dannos para facer este biscoito no forno e remexer en algo máis de medio litro de natillas. A cousa é tan sinxela como montar cinco claras de ovo a punto de neve e, aparte, mesturar ben 250 gramos de azucre, outro tanto de améndoa moída e un sobre de fermento de repostería. Xuntamos todo isto coas claras a punto de neve con moito tino para desfacer o menor número de burbullas de aire posíbel, o cal propiciará un resultado final máis esponxoso. Optativa é un pouco de casca de limón para aromatizar, pero, para o meu gusto, disfraza en demasía o sabor dunha sobremesa que debe saber a améndoa con total plenitude. O toque final dámosllo ciscando azucre glasé sobre o biscoito xa feito e pouco máis. O remate da función correspóndelle aos nosos sentidos e ao noso bandullo que, sen dúbida, hanse sentir máis que compracidos.


Chúzao
del.icio.us







Comentarios(3) »
Bandullo compracido e incrementado, polo que vexo :-)
Nada, que estás feito un Ratatouille.
Non te creas. O de compracido é matizable: das tres natillas que fixen o domingo pasado, dúas papounas Breixo e outra Soqui; da tarta de améndoa pouco me deixaron, aínda que debo recoñecer que almorcei un par de días con ela. Para colmo de males, en efecto: o bandullo increméntase así e todo.
isto tem que passar mesmo pela minha cozinha! brigada pela nova ideia.
beijos
Deixar un Comentario