Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Sen hipotecas

xosi @ 09:59

A nós, como a moita xente, aínda nos quedan uns cantos anos para rematar de pagar a hipoteca. Edúcannos así dende o berce, para que nos hipotequemos; para que sintamos a arela de satisfacer necesidades creadas pola propia cultura, non nacidas das nosas conciencias, e ás que só podemos aspirar con axuda financeira. É un xeito de confiarlle á banca o rol protector e nutricio que tiñan nosos pais para connosco ata que decidimos independizarnos; iso si, a cambio de suculentos xuros e décadas de traballo.

246-walden.gifThoreau, cuxas ideas venerei ben anos, aconsellaba no seu Walden (Edicións Cátedra), a todo aquel que desexase construír unha vivenda, que fixese gala da súa sagacidade para non verse máis tarde “nun labirinto sen saída, nun museo, nunha prisión, cando non nun espléndido mausoleo”. El, que sagacidade tiña abondo, sentou os seus ósos a carón da lagoa que deu título ao devandito libro e ergueu a súa casa gastando en materiais menos de trinta dólares.

344-nino.gifLembrei a Thoreau observando á parella de cus roxos (Phoenicuros ochuros) que viven no noso xardín. Esta primavera decidiron aniñar no garaxe para criar á súa proxenie. E é que a convivencia en parella ten os seus efectos secundarios. Eles non tiveron que pedir hipotecas nin poñerse a canga da usura para turrarlle do palanquín aos banqueiros. Fixeron o seu niño con pauciños, ramallos e carriza, ben alicerzado sobre un lintel de metal e cemento, co espazo xusto para eles dous e tres ovos. Tan pequeno era o habitáculo que, cando naceu a prole, tiveron que deixar o fogar para que o ocupasen os poliños ata que as súas ás fosen quen de levalos polo mundo adiante. Como no mundo animal, amais de non haber hipotecas tampouco existe a síndrome de Peter Pan, foi cuestión de días que os paxariños emigrasen para buscar a vida. Agora que xa criaron, nin sequera a parella de cus roxos utiliza o niño para vivir. Aí quedou, baleiro.

245-thoreau.gifE é que as maiores hipotecas non son aquelas que nos atan á banca, senón outras forxadas nun ferro máis inquebrantable se cabe, isto é, o daquelas posesións ás que nos sentimos tan aferrollados que pasan a formar parte da nosa propia identidade, de nós como persoas, do noso eu, que, en definitiva, nos fan –daquela maneira- seres humanos. Non se pode agardar outra cousa dunha sociedade de consumo, dunha sociedade na que prevalece o ter sobre o ser, dunha sociedade na que se nos permite mercar atractivos anacos de personalidade e status –coches, inmobles, roupas, perfumes- a cómodos prazos e sen ter que queimar demasiadas neuronas.

Mais velaí está esa parella de cus roxos que abandonaron o niño sen importarlles moito o “que dirán”. Vese que non pretenden que os seus conxéneres os xulguen polo seu pisiño sito no lintel da porta do garaxe de cas Xosi. Esa independencia sobre as posesións sábeme a Walden, sábeme a Thoreau.

246-nino-cu-roxo.gif

Chúzao | del.icio.us

Non hai Comentarios »

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>