Unha historia interminable de discoteca
xosi @ 09:23
o anterior post faleivos da que é unha das miñas obras literarias de cabeceira, A historia interminable, do finado Michael Ende. Para que un libro poida chegar ben aos teus adentros non só debe ser bo, tecnicamente falando, e contarche unha historia que faga vibrar a túa fascinación; a maiores, pídeselle que ti, como lector, te sintas identificado co personaxe principal dalgún xeito, de tal maneira que, ao final, o protagonista acabes sendo ti mesmo, e ti mesmo sexas quen vivas as vicisitudes e tribulacións dese heroe de ficción que se encarna en ti mesmo. Iso foi o que lle pasou a aquel rapaz de ¿12? anos, fillo de emigrantes galegos en Barcelona, que algún día fun. En certo sentido, canda neno tiña unha boa morea de complexos que arrastraba comigo na vida diaria: unha timidez mórbida que me facía un inútil para as relacións humanas, mediocre por non dicir malo en case todo, nefasto no deporte, ao que lle deberíamos engadir o aderezado dun sentimento de culpabilidade de quen foi educado no cristianismo e comeza a descubrir o que significan realmente todos e cada un dos dez mandamentos. ¿Como non ía sentirme identificado con ese neno ao que “lle daba medo o colexio, escenario dos seus fracasos diarios; lle daban medo os profesores, que lle rifaban amablemente ou descargaban sobre el as súas iras; medo os outros nenos que rían del e non perdían oportunidade de demostrarlle o torpe e feble que era”?
Caído nas miñas mans por casualidade, non puiden non sentirme identificado con Bastián Baltasar Bux, ese neno que, nas primeiras páxinas da obra de Ende, rouba un libro polo que se sente poderosamente atraído: A historia interminable, cuxa lectura compartirá con nós e que rematará por engulilo/engulirnos nunha espiral de marabilla como poucas ten creado a imaxinación humana.
Vén todo isto a conto porque, navegando polo YouTube en busca de rarezas, din cun vídeo no que Ende pon a parir versión cinematográfica que Wolfgang Petersen fixo en 1984 do seu libro. O certo é que, a pesar da veneración que sinto por A historia interminable, nunca se me deu por ver a película. En parte por asociala á abominable canción Never Ending Story, do non menos abominable Limalh (¿imaxinades a Peter Jackson encargándolle o tema principal de O señor dos aneis a CC Catch ou a Modern Talking?), en parte porque sabía que Michael Ende renegara publicamente do filme.
O caso é que, aproveitando as avantaxes do Emule, decidín facerme coa fita para comprobar por min mesmo se as críticas do escritor xermano estaban fundadas ou correspondían ás un deses literatos moi pagados de si mesmo aos que hai que darlles de comer aparte. E si. Ende tiña toda a razón do mundo. Mesmo penso que quedou curto á hora de reprobar a carnicería que fixeron coa súa creación.
O primeiro que sorprende é que o protagonista, o neno “pequeno e francamente gordo” do que fala Ende no libro, sexa interpretado por unha especie de sílfide guaperas chamado Barrett Oliver. Caracterizar a Atreyu teríalles sido máis doado, pois tratábase dun neno cazador que podía encaixar ben no canon de beleza infantil que, polo visto, obsesionaba aos produtores da película; mais debeulles parecer pouco atractiva a cor “verde olivácea” da súa pel e os adornos brancos pintados no rostro, pois mudáronos por un tenue, correcto e discotequeiro bronceado de maquillaxe. Vendo isto, xa non me sorprendeu que ao médico Caíron, un centauro na novela, o deixasen sen a súa parte cuadrúpeda. Pero, máis alá das inxustificables mudanzas estéticas, fiquei pasmado coa tortura á que someteron á historia en si. Supoño que o orzamento e unha duración decorosa obrigaron a facer mudanzas serias no guión, pero non conformes con iso, decidiron someter a unha das historias máis marabillosas da literatura a un esnaquizamento do máis gore ata deixala irrecoñecible. O certo é que non coñezo outro caso de adaptación cinematográfica dun libro no que se chegase a ser máis infiel que en’A A historia interminable. Ao final, entre a canción de Limalh, os nenos bonitos e a estética discotequeira que denuncia Michael Ende, quedou un pupurri pop que vendeu por millóns nos anos oitenta a costa de asasinar a un clásico.
Parece ser que a Warner está negociando a posibilidade de facer unha nova versión fílmica da obra de Michael Ende. Agardemos que os adiantos en informática e un público que agradece que os filmes sexan o máis fieis posible aos seus referentes literarios, acaden a película que esta novela merece e que todos os seus admiradores agardamos.
E como este artigo xa comeza a ser demasiado longo, e ameaza tamén con facerse interminable, déixovos cunha entrevista que lle fixeron ao propio Ende con respecto á película. Repítoo: o home peca de demasiado amable.

Chúzao
del.icio.us







Non hai Comentarios »
Deixar un Comentario