O neno roubado
xosi @ 09:18
Hai uns meses, deambulando polo burgo vello de Melide –Xosé Manuel Broz dixit-, atopei tirada no chan unha folla rota dese panfleto inmundo chamado La Voz de Galicia. Correspondía ao suplemento cultural da fin de semana e falaba dunha das miñas debilidades, a saber: a literatura fantástica. Foi na rúa da Moa, no limiar mesmo de cas Panduriño.
Fago agora lembranza, e non acho maneira de saber quen escribía o artigo. Tratábase dunha crítica a unha novidade editorial de Grijalbo, en concreto O neno roubado, do norteamericano Keith Donohue. O xornalista poñía polas nubes esta novela, cualificábaa como obra mestra no seu xénero e empoleirábaa nun podio imaxinario xunto a Pequeno, grande, de John Crowley e A historia interminable, de Michael Ende.
Tiña que ser esta última quen actuase coma un detonante na miña conciencia. En efecto, A historia interminable é un libro que, dende que o lin con doce anos, e tras unhas catro lecturas ao longo da miña vida, ocupou sempre un lugar privilexiado nas miñas preferencias. Xa que logo, debía coñecer, fose como for, esas outras creacións literarias que o crítico parangonaba coa meniña dos meus ollos.
Comecemos por Pequeno, grande, de John Crowley. Trátase dun libro moi especial, único, case que un universo condensado en setecentas páxinas no que o seu autor deu mostras dun poderío narrativo como poucas veces tiven ocasión de catar. A súa lectura é farto difícil porque tes que superar máis de catrocentas páxinas para comezar a adiviñar algo da posible trama, para que o teu interese teña algo ao que aferrarse; difícil porque o autor xoga adrede coa ambigüidade, porque non nomea directamente feitos, mundos e personaxes esenciais nunha espiral de eufemismos e tabús tan engaiolante como, ás veces, insufrible; porque a linguaxe, a sintaxe, as combinacións léxicas son un puro xogo de artificio, unha eclosión constante de floreos verbais que converten a súa lectura ou nun viacrucis ou nunha ventá aberta á marabilla. E semella que non hai medias tintas. Polo que puiden compartir con outros internautas que a leron, só hai dúas posicións xeneralizadas: os que abandonaron a súa lectura ao pouco de comezar, ou aqueles que a concluíron para incluír Pequeno, grande entre os seus libros de cabeceira.
Eu non me conto nin entre uns nin entre outros. Pequeno, grande é un tour de force literario monumental como poucos vin, unha auténtica obra mestra, única, excesiva. Os grandes xenios da literatura fantástica sempre tiveron imitadores por lexións. García Márquez, Borges, Cortázar... O problema de Pequeno, grande de John Crowley é que se esgota en si mesma, que non admite imitación algunha porque é radicalmente inimitable; poida que de aí a súa posición humilde e discreta no firmamento literario (creo que os maiores promotores á hora de elevar textos ao rango de obras mestras son os seus propios imitadores). Eu goceina con admiración, con deleite, con abraio, aínda que debo confesar que non me chegan os dedos das dúas mans para contar as veces que estiven a piques de abandonar a lectura.
¿Deixamos a Crowley, xa que logo, entre os mestres da fantasía? Por suposto que si, aínda que eu sigo a preferir xenios máis dixeribles como o meu amado Ende ou o venerado Cunqueiro.
En calquera caso, colocar O neno roubado, de Keith Donohue, no mesmo podio que A historia interminable ou Pequeno, grande, paréceme unha tomadura de pelo de tantas ás que nos ten afeito o márketing. O neno roubado é unha boa novela, impecablemente escrita e que te deleita de principio a fin. Conta a historia dunha panda de trasnos que se dedica, co intervalo de décadas, a secuestrar nenos para incorporar nas súas ringleiras substituíndoos por un dos seus membros. A historia que conta é precisamente esa: raptan ao pequeno Henry Day e substitúeno por unha réplica exacta del. Donohue desenvolve o relato en contrapunto: o do verdadeiro Henry adaptándose á vida dun trasno no bosque, cun corpo que fica conxelado na infancia pero cunha conciencia que evoluciona cos anos; e a do Henry falso, un neno de oito anos cunha sabedoría con máis dun século de soleira que deberá esforzarse seriamente en comportarse coma o cativo que se supón que é. Trátase dunha obra áxil, amena, coa tensión e suspense necesarios para que a poidas ler dun tirón, pero sen caer en recursos facilóns. Gustei moito desa descrición tan humana, tan antropolóxica, crúa e cruel, da vida dos trasnos. Se cadra, o máis orixinal e interesante da novela de Donohue foi achar dous seres, o neno roubado e o trasno suplantador, nunha situación vital tan extrema, contarnos a súa historia sen fisuras e entrecruzala nunha trama que ten unha fermosa e irreprochable explosión final. Máis que recomendable, si, pero non para poñelo no podio de Crowley e de Ende.
Por certo, un apunte curioso con respecto a O neno roubado. Esa historia, a dos trasnos que raptan un neno do mundo dos humanos e o suplantan por unha réplica, aparece en Pequeno, grande, de John Crowley. Sacaría Donohue de aí a idea matriz que inspirou a súa opera prima? Outro apunte a ter en conta: Crowley é o único autor de literatura fantástica, xunto a Borges, cuxa obra –en concreto, Traducindo ao ceo- aparece no canon do pope dos críticos literarios, Harold Bloom.

Chúzao
del.icio.us







Non hai Comentarios »
Deixar un Comentario