Sete meses en papel de embalar
xosi @ 08:45
Velaí as esperanzas empaquetadas tras sete meses de intenso traballo. Hai unhas semanas, rematei o cuarto borrador da novela que comecei a escribir a primeiros de setembro do ano pasado. No paquete que vedes na imaxe, hai varias copias. Supoño que me han cobrar en Correos un bo pastón cando o envíe. Destino: un concurso literario. Sempre dixen que isto dos concursos literarios é unha lotería cara. A participación adoita a ser moi restrinxida, tan só unhas cantas ducias de concursantes entre os cales estará o afortunado ou a afortunada. Entre copias, encadernacións e gastos de envío, a cousa non baixa dos 60 euros, aos que habería que engadir os desvelos e horas investidos en plasmar en letra un soño, e tamén os gastos de documentación (viaxes, libros, etcétera).
Unha lotería, se cadra, demasiado cara, pero inevitable. No meu caso, cando me lanzo a executar un proxecto literario, fágoo porque hai algo dentro de min que me impele a iso, unha forza incontestable que ten a forma dun proído insistente na conciencia, que che fustriga os pensamentos a todas horas ata que aceptas botarlle coraxe para comezar a escribir. Entón, dende o intre que redactas a primeira liña, ese proído desaparece e é substituído por unha tensión permanente, unha tensión que che obriga a seguir cara a adiante e que non desaparecerá ata que remates de corrixir a última palabra do último borrador. No meu caso foron sete meses, durmindo pouco máis de cinco horas cada noite por ter que erguerme ás sete da mañá para plantarme diante do procesador de textos a picar palabras, frases, parágrafos. E todo, se cadra, para que nin sequera che publiquen o que escribiches...
Cando rematas, o que sentes é alivio, un gran alivio, como se a vida e os seus pequenos detalles volvesen nacer para ti con enteira liberdade para ser gozados, como se volveses ser dono do teu tempo e tiveses capacidade de elección para facer con el o que ben queiras. Non é que antes non puidese facer o que quixera, dentro das miñas limitacións; mais a tensión da que vos falei estaba aí día tras día, como se a miña existencia fose un algo incompleto que cumpría rematar, coma se, levando unha vida perfecta, aparecese de súpeto un chantaxista a extorsionarte, a esixirche cada día un pequeno tributo.
As présas fixeron que saltase unha fase fundamental no pulido dunha obra literaria, isto é, a correspondente a deixar o orixinal en repouso un par de meses. Tras ese tempo, un pode volver ao escrito con certa distancia, coma se fose unha obra allea, esquecida. Dese xeito, decátaste de erros que non podes ver cando estás demasiado implicado co texto. Esa fase complétase co sometemento do escrito á lectura de persoas alleas, de tres ou catro lectores avezados e amigos que teñan a suficiente confianza contigo como para dicirche que o que escribiches é pouco máis ca unha merda espetada nun pao, ou para recoñecerche que os esforzos pagaron a pena, que a historia non está mal, pero que se pode mellorar aquí, aló ou acolá.
En calquera caso, foi un remate de etapa. Así, dun día para outro, atópome con Breixo na gardería e sen a tensión e esixencias de ter un proxecto literario entre mans. O primeiro que fixen foi ir mercar uns tenis para correr, para volver correr, para sentir o vento como a aperta dun familiar afastado e querido ao que facía anos que non vía. As zapatillas teñen amortecemento extra para corredores con exceso de peso. Vou ver se, de aquí en diante, dou sacado tempo para recuperar algo da pouca forma física que algún día tiven. O certo é que levo catro anos de militancia inactiva na vida sedentaria, un por lesionarme o xeonllo dereito (o culpábel foi San Caralampio e, en concreto, os Festicultores) e outros tres por ter que axeitar o meu paso ao de Breixiño.
Se cadra, o peor de todo, é que xa estou comezando a sentir o proído por novos proxectos literarios. E, cando caia de novo, outra vez a empezar...

Chúzao
del.icio.us







Non hai Comentarios »
Deixar un Comentario