Que a forza te acompañe!
xosi @ 06:42Hoxe levei ao Breixo por primeira vez á gardería. Decidímonos por fin, si. El estaba pedindo a berros poder pasar parte do seu tempo con outros nenos e non sempre con adultos. Eu clamaba por ter esa horiña libre na que desexas facer tantas e tantas cousas que, cando tes que coidar dun cativo, non podes facer e que, de cotío, acaba por non chegar a nada.
Mais, velaí, a realidade é caprichosa e sorpréndete cando menos o agardas. No intre mesmo de deixar a Breixo na gardería –víase que quedaba ledo-, en canto me puxen de novo ao volante do coche, invadiume unha forte ansiedade. Tiña ganas de chorar, e non son deses moi dados ao pranto fácil. Cando cheguei a casa foi peor. O baleiro que sentín case me esmaga. Si, a casa estaba baleira, morta, un cadáver de ladrillos e vidro sen forzas sequera para ampear. O silencio que tanto adoraba cando Breixo durmía ou estaba fóra, tornóuseme agora un réquiem mudo.
Asegúrovos que non contaba con sentir todo iso. Máis ben pensaba nun panorama fresquiño, na posibilidade de volver practicar algo de deporte, de ter máis tempo para min e para facer da nosa casa un fogar habitable. Pero cando levas tres anos, día e noite, a carón dun ser, por moitas rabechas que che dea, por moito que te amole, metelo nas engrenaxes do sistema educativo foi coma se me arrincasen un anaco de min mesmo. Non sentín nada semellante nin sequera nas fins de semana que din escapado só de Melide para ver a Roger Waters en Barcelona, ou para visitar o Museo da Minería de Asturias de cara a documentar a novela que andaba a escribir. Nembargante, sentino agora, aínda sabendo que, por ser o primeiro día, só ía deixalo na gardería unha hora para que se fose aclimatando. Máis rápido có meu raciocinio, o corazón reveloume que comezaba unha nova etapa, e que con ela iniciábase un afastamento gradual, longo pero ineluctable, dese meniño co que compartín practicamente todas as horas dos últimos tres anos. O paxariño xa teima con bater ás na vida.
Non quero rematar este post sen compartir unha de tantas lembranzas marabillosas da nosa vida a carón de Breixo. Aconteceu o pasado domingo, cando viñamos de cear na casa de meus pais, en Palas de Rei. Á saída da vila, parounos un control da Garda Civil. Era de noite, e o axente indicounos que estacionásemos xunto á cuneta coa guía luminosa que empuñaba na man. En canto abrín a xanela para atendelo, Breixo berrou: “¡Unha espada láser!”. Nin que dicir ten que estes días anda a ver algunhas secuencias de Star Wars. A referencia venme ao pelo para dicirlle: “Meu rei: Que a forza te acompañe!”


Chúzao
del.icio.us







Comentarios(8) »
Ben, Xosi, a todos nos pasou.
Lembro que cando tivemos que deixar no hospital ó noso primeiro fillo tres días despóis de nacer, a casa caíanos encima, e había só 3 días que o coñecíamos.
Pero a nosa misión é precisamente esa: conseguir que poidan desenvolverse por sí mesmos. E velos facelo compensa por todo o demáis.
Ánimo rapaz, remata esa novela.
... e garda este "post" para cando Breixo o poida ler, claro.
Seino. Pero, aínda así, manca esa distancia.
En canto á novela, xa está rematada, con catro correccións enriba. A urxencia de presentala a concurso obrígame a saltarme a fase de deixala madurar e sometela ao dictame de lectores coma ti. Pero, como di Ende, esa é outra historia e deberá ser contada noutra ocasión.
Coincido co que che dixo Lupin: A nosa misión é precisamente que se vaian despegando de nós para convertirse en persoas autónomas e independentes. E date cun canto nos dentes se non chorou, que é o máis habitual.
Nunca se acostuma un a separarse deles e cada vez custa facelo, pero despois terás a recompensa de ver como sabe desenvolverse por sí mesmo, como medra...
As nais comezamos antes esa aprendizaxe: A primeira separación traumática (para nos) é o parto, a segunda, cando deixamos de darlles a teta...e así ata que se van vivir a outra casa, supoño (por iso aínda non pasei, pero xa pouco falta)
Sei que tes razón, Cuspedepita, pero iso non impide que abrollen os sentimentos. Aínda lembro, coma se fose hoxe, o meu primieiro día de colexio, con catro anos, formando en ringleira no patio do centro escolar do Sagrado Corazón de Jesús, en Barcelona. Miña nai miraba para min dende a rúa, tras dunha reixa metálica. Eu choraba. Quince anos despois, quen choraba era miña nai, cando me deixou nun piso compartido de estudiantes en Barakaldo para comezar a carreira de xornalismo. Creo que imaxino o que debía sentir... Lei de vida.
É lei de vida e hai que habituarse.
Espero que os do raio láser non fosen mui malos.
Tranquilo. Estaba protexido. No asiento de atrás levaba canda min a Luke Skywalker...
Manda carallo!
Luke Skywalker!!!!
Ti o que levabas atrás era un Gremlin a piques de se transformar... porque era de noite e ese neno é comedor!
Ai da Garda Civil!
Aínda tiveron sorte!
Circule!!
Deixar un Comentario