Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

332-deep-purple.gifMergullando nas feraces augas do Youtube, descubrín unha reportaxe máis que interesante na que se fala das orixes creativas dun dos riffs máis famosos da historia da música rock, parello en popularidade ao de Satisfaction, dos Rolling Stones: o Smoke on the water, dos británicos Deep Purple.

Aínda que vos vai subtitulado en francés, os pais da criatura confesan que o tema fala sobre un incendio que arrasou o casino de Montreux (Suíza) en 1971, no mesmo intre que estaban a actuar nel Frank Zappa & The Mother of Inventions. A formación máis clásica dos Purple, a MKII do Made in Japan (1973, o álbum en directo máis vendido da historia) -de esquerda a dereita na fotografia: Jon Lord nos teclados, Ian Paice na batería, Ian Gillan na voz, Ritchie Blackmore na guitarra e Roger Glover no baixo-, estaba alí para gravar un disco nun estudio móbil dos Rolling Stones (no tema aparece como “the Rolling truck Stones thing”) e colleunos de cheo o fregado.

Contan nos mentideiros do hard rock que Ritchie Blackmore, cando lles presentou o riff que acababa de compoñer aos seus compañeiros de armas, sentiu vergonza por ser demasiado sinxelo para un guitarrista do seu nivel. Polo que semella, Blackmore inspirouse nos golpes da policía para derribar as portas do casino. Lémbrame a lenda urbana, segundo parece falsa, de que Beethoven se inspirou no destino chamando á súa porta para compoñer o motivo que abre a Quinta Sinfonía. En calquera caso, déixovos aquí co MKII debullando o Smoke on the water nunha versión con menos metralla guitarreira cá do Made in Japan, pero que non desmerece.

Chúzao | del.icio.us

Non hai Comentarios »

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>