Audacia ou estupidez?
xosi @ 10:08Pretender ser escritor, vivir da literatura, cando un está a piques de chegar aos corenta, ten un aquel de todo ou nada. Aí estou eu, vítima propiciatoria para o desánimo, para a desorde mental coa dúbida como detonante, para obrigarme a facer de cada movemento vital un acto de fe. Non hai día en que non poña en tea de xuízo a decisión tomada, porque se fracaso, o que acontece no 99’9% dos casos de xente que cometeu a estupidez que eu agora cometo –a de pretender vivir da escritura- atopareime nesa idade na que só es borralla para o mercado de traballo, na que es pouco máis ca nada, un opositor a cincuentón cuxa data de caducidade pasou hai tempo.
Fe. Cómpre moita fe. E alicerces fortes, como unha familia que respecte esa fe ou amigos que crean en ti máis do que ti mesmo cres. A min pasoume onte pola noite, de viños co Panduriño. Sen saber moi ben como, a conversa recalou nun cómic que ambos adoramos: Goldfish, de Brian Michael Bendis, unha obra mestra do xénero negro. O devandito vén a conto porque o meu amigo lembroume, nun intre no que cumpría lembrarmo, unha viñeta na que se pode ler unha cita de Goethe pintada na porta dun váter público. A cita ten un efecto contundente no protagonista do cómic, tan contundente como o tivo en min en canto cheguei a casa e lle botei un ollo. Agardo, nembargante, un mellor final para a miña historia có do protagonista. As palabras, de Johann Wolfgang Goethe, son as seguintes:
“Ata que un se decide, existe a dúbida, a posibilidade de botarse atrás, a ineficacia concernente a calquera iniciativa (ou acto de creación). Existe unha verdade elemental, a ignorancia da cal aborta incontábeis ideas e plans espléndidos: no intre que un se compromete, entón o destino se pon en marcha e todo tipo de cousas ocorren para complementar a outra que non tivese acontecido doutro xeito. Unha serie de acontecementos despréndense da decisión, poñendo ao noso favor todo tipo de efectos e axudas inesperados. Todo o que poidas facer, ou imaxinar que poidas facer, faino. A audacia posúe xenio, é poderosa e máxica. Comeza agora”.
Audacia sen estupidez. Se a cousa falla, teño un plan B...

Chúzao
del.icio.us







Comentarios(4) »
A min, a verdade, a cita de Goethe paréceme un pouco infantil, como de algúen que aínda non coñece demasiado canto pode saír mal. Non debemos deixar de facer cousas porque nos dean medo, pero non debemos deixar de ter medo. O medo levaranos a ter un "plan B", que sempre é moito máis intelixente.
Ánimo, e adiante!!
Supoño que é así. Dame que esas palabras foron escritas polo Goethe romántico, o das desventuras do mozo Werther. O Goethe posterior foi moito máis comedido. De todos xeitos, de cando en vez dan azos citas como esta.
En calquera caso, recoméndoche ler Goldfish; é unha boa historia que, se cadra, podería darche a razón.
Xa sabes como funciona a biblioteca de Xosi: un libro a cambio dunha Grimbergen...
Pois a min, paréceme unha frase (máis ben párrafo) "de puta madre".
Plan B?!
Qué é iso?!
É compatible coa intelixencia?!
Ou non será que cando nos referimos a esta confundímola coa racionalidade?
Como dixo alguén algunha vez "The answer, my friend, is blowin' in the wind...", declaración dunha persoa que coido non é parva e que soa ben pouco racional, pero que é dunha intelixencia extrema; xa que cando menos, deixa abertos máis camiños que "a" e "b".
Quen sabe. Se cadra o plan B é case tan ousado coma o A...
Deixar un Comentario