Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Once

xosi @ 07:20

323-once.gifAínda que o filme viviu o seu cénit de éxito hai case un ano, con motivo de facerse co Oscar á mellor canción no ano 2008 por Falling slowly, eu veño de velo agora. Así que, aínda que a cousa non veña coa actualidade que debera, si vén co padal gozoso de ter descuberto unha suculenta xoia para gozar con reincidencia e á mantenta.

Once, filme moi irlandés do non menos irlandés John Carney, narra a historia dun músico –interpretado por Glen Hansard, o líder de The Frames- que gaña a vida tocando polas rúas de Dublín e amañando aspiradoras no taller do pai. Todo mudará cando se cruce cunha emigrante checa que vende flores –a multiinstrumentista checa Markéta Irglová- e que, ademais, toca o piano. Cando, ao comezo da película, fique claro que ambos son os restos de cadanseu naufraxio sentimental, e que un posíbel romance entre ambos non teña demasiadas posibilidades, entón comezará a rodar unha fermosísima historia de dous seres unidos polo seu fondo e insubornable amor á música.

327-onceimgprensa.gifO filme ten intres moi emotivos e pide do espectador que, unha de dúas, ou comprenda inglés, ou –como no meu caso-, teña unha versión subtitulada, pois a mensaxe que transmiten os temas é fundamental para comprender a deriva sentimental dos personaxes. Quen se decida a ver Once, fará ben conseguindo The Swell Season, o disco de Glen Hansard e Markéta Irglová de onde xurdiron os principais temas da película –Falling Slowly, When your mind’s made up, por exemplo-, nas súas versións orixinais, moito máis elaboradas e cunha sección de corda que os fai exquisitos.

324-once.gifEntre os moitos detalles nos que un pode pararse nesta preciosidade fílmica, tívome o seu aquel a escena na que Glen e Markéta deciden gravar un disco de estudio. Para facelo, irán recrutar aos músicos tamén á rúa, e atoparanos a carón do monumento a Phil Lynott ergueito na dublinesa Harry Street, interpretando versións dos Thin Lizzy. Toda unha homenaxe á mítica banda de rock irlandesa. Outra cousiña na que me fixei, logo de dar unha volta pola rede, foi que a escangallada guitarra acústica coa que toca Glen Hansard na película é a súa guitarra de verdade, coa que vai polo mundo adiante dando concertos; lembroume ao seu paisano Rory Gallagher, que ao final da súa carreira seguía séndolle fiel a unha Fender Stratocaster que lle caía a cachos. Tamén lembrar, ao remate de Falling Slowly, cando saen da tenda de música onde a tocaron, a marabillosa escena dos dous marchando pola rúa, el coa guitarra ao lombo, e ela arrastrando a súa aspiradora avariada, mentres soan os últimos compases da canción.

Como mostra do que podedes atopar no filme, déixovos coa escena do estudio de gravación, na que debullan When your mind’s made up que, se ben non tivo o éxito do oscarizado Falling slowly, para min ten moita máis forza. Se vos cadra ver a película, xa me diredes.

Chúzao | del.icio.us

Un Comentario »

#1
panduriño

Creo que a 2ª parte hase chamar "DOCE"

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>