Neverland
xosi @ 18:08
Algúns libros teñen un xeito ben singular de caer nas mans dun. Iso dálles máis encanto do que, de por si, xa teñen. Aconteceume con Peter Pan, do escocés James Matthew Barrie. Corría a derradeira década do século pasado. Eu andaba a estudar –o de “estudar” é un eufemismo amable- Ciencias da Información na Universidade de Leioa (Bizkaia). O grupiño de amigos cos que andaba na facultade estaba constituído por xente que abominabamos da carreira e que pasabamos ben máis horas na cafetaría universitaria que nas aulas. Un deles era o David que, pasado o tempo, rozaría os cumes da fama literaria ao facerse co Premio de Teatro Hermanos Machado no ano 2000, pola obra Una cuestión de educación; e, pouco despois, no 2003, co Premio Nacional de Teatro Calderón de la Barca, no 2003, convocado polo Ministerio de Cultura, por Lo más humano posible. A pesares do que puidese parecer, o meu amigo, daquela, gañaba os poucos cartos que chegaban ás arcas familiares pegando carteis polas rúas de Bilbao. Vamos, que nin a notoriedade nin o prestixio o sacaron da súa precaria e crónica situación económica.
Todo isto vén a conto porque o David tiña ao Peter Pan entre os seus libros de cabeceira, xunto con O vixía no centeo, do norteamericano J. D. Salinger. El deixárame Peter Pan nos xardíns de Kensington, que é o texto onde nace o celebérrimo personaxe, e el regalárame a edición que veño de ler, a tradución ao galego de Alberto Avendaño publicada por Edicións Galaxia. David coleccionaba o Peter Pan en canta edición se publicaba en castelán, e esta de Galaxia adquiríraa por erro. Hoxe, quince anos despois de que meu amigo me agasallase con este libro, veño de lelo.
Debo dicir que non agardaba un libro deste nivel. Cría que coa historia, que en si é bastante boa e orixinal –o neno que se nega a medrar e que vive no País de Nunca Xamais-, xa había motivo máis que suficiente para que Peter Pan fose lembrado polas xeracións vindeiras á data da súa publicación (1911). Pero tras lela, comprobei que a maneira de ser contada supera á propia aventura. Lonxe de caer no melindroso xeito de narrar no que adoitan caer as obras da literatura infantil, a prosa do Peter Pan é burleira, gamberra, iconoclasta, autodestrutiva. Ademais, sorprende ver a imaxe dos nenos e das nenas que dá Barrie, amosándonos seres egoístas, caprichosos, agresivos, violentos, mesmo, se pensamos no protagonista, no propio Peter Pan, sanguinarios e tiránicos. Unha obra, xa que logo, orixinalísima para a súa época, tanto polo que conta como polo xeito de contalo. Ademais, os adultos atoparemos nela dobres lecturas dunha fondura emocionante, sobre todo nesa relación subterránea, soterrada polas aparencias, que hai entre Peter e Wendy. Se non te marabillas oíndo falar de dedais e bicos, é que perdiches a capacidade para a sorpresa. Se logras marabillarte, entón de seguro que case che veñen as bágoas ao final a pesares de que, aparentemente, non haxa motivo para que veñan.
Ademais, esta obra está intimamente ligada ao devir biográfico de Barrie, quen padeceu a morte dun irmán moi querido cando só tiña catorce anos e a posterior psicose da súa nai, que non logrou superar o drama. A raíz do devandito, Barrie sufriu un mal coñecido como enanismo psicoxénico, que truncou o seu crecemento, ficando en 1’47 de estatura e sen chegar a completar a súa pubertade. Sobra dicir que tal doenza determinaría o resto dos seus días. Se cadra, o Peter Pan só podía nacer dunha persoa coma el.
E ligado co anterior, teño que citar, inevitablemente, un tema dun dos mellores grupos de rock de todos os tempos, os Marillion: Neverland, do seu disco Marbles (por certo, hoxe, 1 de febreiro, actúan en Barcelona, onde presentarán o dobre Happiness is in the road). En Neverland, os Marillion falan da relación entre Peter e Wendy, moitos anos despois, cando a segunda xa é unha anciá e o primeiro se decata do fatal erro que supuxo para a súa vida renunciar a ela en favor dos seus soños. Velaí o xerme do Peter Pan (non en van, o título orixinal da obra era Peter Pan & Wendy), unha historia de amor tan grande coma imposible, parella a outras coas que nos ten agasallado a grande literatura, coma O barón rampante, de Italo Calvino; ou Doutor Zhivago, de Boris Pasternak. A versión que podedes escoitar a continuación corresponde ao concerto de xullo de 2004 no London Astoria. Unha das máis fermosas cancións que teñen escoitado estes humildes oídos nos seus 38 anos de vida.

Chúzao
del.icio.us







Non hai Comentarios »
Deixar un Comentario