Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Germinal

xosi @ 10:27

312-germinal.gifTan metido como estou, nos últimos tempos, na lectura de libros de literatura infantil e, con preferencia, de historias fantásticas, Germinal (1885) veu rachar coa tendencia e a chantarme os pés na terra de vez. O certo é que esta novela de Émile Zola chegara a min, hai anos, en forma de lamentable superprodución cinematográfica francesa, polo que non gardaba un grato recordo dela. Tivo que vir a letra para poñer as cousas no seu sitio.

Zola narra en Germinal os padecementos dunha comunidade de mineiros franceses e, de paso, os albores da loita obreira no século XIX. E faino dunha maneira tan maxistral que case podes sentir a asfixia das galerías, a feluxe envelenando os teus pulmóns, a fame, a miseria, as inhumanas condicións de vida dunha clase social condenada a traballar como bestas de por vida. A análise científica que fixo Marx da realidade económica en O capital, tórnase en Germinal panfleto rabioso, denuncia sen paliativos. Se Marx pode convencer ao teu raciocinio con argumentos, Zola fará vibrar ao teu corazón co agre sabor a rabia que che deixa a cata da inxustiza. O abismo social que existía entre a burguesía e a clase traballadora –antes de constituírmos esa masiva clase media acomodada que amortece a percepción sobre os excesos e abominacións do capitalismo- está tan maxistralmente retratada que a Zola non lle fai falla nin moralizar, nin dicir isto está ben ou aqueloutro mal. El só describe, cóntanos unha historia, e faino dun xeito tan descarnado que resulta difícil non tomar partido.

A ter en conta a descrición brutal que Zola fai da condición feminina. Se os obreiros vivían escravizados, explotados como animais, imaxinade as condicións existenciais das obreiras...

312-zola.gifUn apunte final. Zola era un deses escritores de raza que, tralo empoleiramento do artista no cumio máis alto a mans do romanticismo, se tomaba o seu oficio con tanto ímpeto que, hoxe en día, as súas fazañas laborais son moi difíciles de igualar. Pensemos na colosal Comedia humana de Honoré de Balzac, home que escribía unha media de quince horas diarias –grazas á inxestión de varios litros de café negro, adicción que remataría por esnaquizar o seu sistema nervioso-; ou en Thomas Mann, que se facía encadear á mesa de traballo pola criada para non ceder á tentación de latar á escrita. Abráiame que Germinal sexa a décimo terceira novela dunha serie de vinte –Les Rougon-Macquart- que tiñan como obxectivo ser espello da sociedade francesa do Segundo Imperio a través da historia dunha familia. Hoxe, que tan de moda están as triloxías, tetraloxías, etcétera, non din atopado un prefixo axeitado para esta serie de vinte novelas de Zola. Como ben sabedes, os prefixos numerais rematan no 12 (doceca). A partir de aí temos dúas opcións: a primeira sería a de duodecaloxía. A segunda, utilizando o prefixo eicos, para cantidades superiores a doce: eicoloxía. En calquera caso, se as outras dezanove novelas son parellas a Germinal, Zola deixou, con  Les Rougon-Macquart, un monumento literario para ser admirado polas xeracións vindeiras.

Chúzao | del.icio.us

Comentarios(3) »

#1
Arsenio Lupin

Apuntado... este caerá.
¿Alguna semejanza con "Los Buddenbrook" de Mann, que tengo en la biblioteca esperando por mi desde hace unos años?? ¿Lo has leído?

#2

Coincido no momento actual coa leitura de literatura infantil ( a obriga primeiro ) e descoñecía o ritmo de escrita de Zola. Lémbrame a Jules Verne que tamén escribiu unha boa cantidade de novelas. Supoño que haberá que nacer especial para lograr semellantes proezas.

#3

Non lin os Buddenbrook pero, polo que sei, narra as vicisitudes dunha familia da alta burguesa alemá a través de varias xeracións. Germinal está contado, fundamentalmente, dende o punto de vista dos mineiros, aínda que fai bastantes contrapuntos co xeito de vivir dos "patronos". Dáme que han ser novelas moi distintas e, de seguro, ambas paguen a pena. Germinal, dende logo, si.

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>