O boneco de neve
xosi @ 18:25
É raro que a neve, coa súa capacidade de cegar a visión, non deixe gravada na retina algunha que outra imaxe para a lembranza. Eu, das folerpas deste inverno, e axudado pola tecnoloxía dixital, tirei unhas cantas.
O paxaro que aí vedes é un bisbita (Anthus pratensis) que, do mesmo xeito có pardal, fica en casa no máis cru do inverno en troques de emigrar ao Mediterráneo ou ao trópico. Non vos vou amolar con iso dos proídos nómades nin con pardais con alma de andoriña. Pero hai que recoñecerlle o mérito ao fulano –os paxaros non só senten frío, senón que, ademais, a neve cégaos cousa fina-, pescudando cos ollos pitoños de tanto resplandor por ver se atopa algunha miñoca ultraconxelada para levarlle á familia.
A outra imaxe é o cumprimento dunha promesa. Este Nadal, os reis magos trouxéronlle ao Breixo un libro titulado O boneco de neve, de Raymond Briggs, un clásico que se publicara por primeira vez en España en 1978 e que agora rescatou Edicións La Galera do baúl dos recordos. O libro narra en forma de banda deseñada, sen unha soa palabra, a amizade que xurde entre un boneco de neve e un neno. Trátase dunha obra exquisita, cuns debuxos e unha historia que invitan a marabillarse e que é quen de engaiolar a calquera neno.
No noso caso, son eu quen lle pon as palabras ao cómic cada vez que llo leo a Breixo (dende o 6 de xaneiro, un par de veces diarias). A maiores, tamén bautizamos aos personaxes do libro, pois, amais da mudez, padecen o seren seres innominados. En fin, un artefacto para facer traballar o maxín, como debe ser. O caso é que meu fillo decidiu poñerlle Breixo de nome ao neno do conto. Deste xeito, ¿que outra cousa podía facer diante da primeira nevarada?


Chúzao
del.icio.us







Comentarios(2) »
termino de descobrir o teu blogue grazas a cuspedepita e tou a ficar impresionada. vou ver se consigo esse livro que tem uma pinta fantástica.
beijos
Non dou deixado ningunha mensaxe no teu blog, así que van aquí as grazas polo teu comentario. Por certo, esas empanadiñas teñen unhas pintas bárbaras. Hei ver se se dan igual de ben polas terras de Melide.
Unha aperta
Deixar un Comentario