Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

307-coroa-de-espinas-para-gaza.gif

Non é de agora. O pobo palestino leva décadas sendo tiroteado, metrallado, bombardeado, crebado, torturado, esventrado, esnaquizado. Calquera participio é bo para o pobo de Israel se contribúe á aniquilación desa espiña cravada no seu territorio mercado a golpe de talonario e bombas terroristas (en efecto, os terroristas eran eles, cando devecían por facerse cun anaco da terra que lles prometera Deus, que daquela estaba baixo protectorado do Reino Unido por mandato das Nacións Unidas).

Confeso que non estou a ver os noticiarios que falan do enésimo xenocidio contra o pobo palestino. Poderiamos chamalo holocausto tamén, esa palabra que din con tanto orgullo e solemnidade os israelitas. Non, non sigo as novas das atrocidades do exército sionista. Os procesos creativos son así. Asolagan a un, inocúlanlle un virus que provoca ataques agudos de solipsismo, de cerrazón sobre un mesmo, aconchegándoo nun universo persoal e intransferible do que, mala ou boa, acabará abrollando unha obra de arte.

De cotío, sinto vergonza de min mesmo, vergonza de vivir arrodeado de tanta opulencia, vergonza de ter o frigorífico a rebentar, de ter a casa quente mentres can xeadas de órdago aí fóra, vergonza de que no meu xardín chova ácido de Meirama e non obuses, vergonza, ao fin e ao cabo, de ter a tranquilidade e o tempo necesarios para escribir narrativa nestes tempos endiañadamente inhumanos. Vergonza, quero dicir, de escribir literatura mentres miles de seres humanos son sacrificados no altar bestial da guerra, da inxustiza, da fame.

Por iso quixen que este amencer, capturado na última nevarada que vivimos aquí en Melide, non fose unha lambonada máis para estetas, non fose obra de Eos a dos dedos de rosa, senón un carneiro degolado polo bronce ensanguentado de Ares, da metralla homicida de calquera exército esgazando a carne viva dun ser inocente. Unha coroa de espiñas para Gaza.

308-palestina.gif

Chúzao | del.icio.us

Comentarios(3) »

#1

¿como e posible que aqueles que foron masacrados, tratados inhumanamente, confinados en campos de concentracion, anaquilados da faz da terra......, sexan hoxe ca complicidade do resto do mundo, capaces de facer o mesmo, que eles padeceron, cos seus hirmans palestinos......?
Tiña razon Rousseau; "O Home e un lobo para o home..."
Tremendo, e eu que prefiro mirar para outro lado, e non ver as imaxes da television...

#2
Josiño

Ademáis da masacre en sí mesma,o que me indigna é a maneira en que Occidente enche a boca lamentándose e criticando,de maneira moi suave,a acción do pobo israelí mirando pasivamente como cada día morre máis e mais XENTE.
Feito que demostra , outra vez , que a ONU é un mero espellismo.

#3

Aopedofarelo, estou de acordo co que dis, con esa esquizofrenia que sofre o pobo xudeu e que lle fai ser vítima e xenocida ao mesmo tempo. Mais debes coidar as túas referencias: a celebérrima frase de que "O home é un lobo para o home" é de Hobbes, pai teórico do absolutismo, nas antípodas de Rousseau...

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>