Pardal con alma de andoriña
xosi @ 08:07
Onte tiven ocasión de botar unha parola co pardal (Passer Domesticus) que vedes na imaxe. Comeza a ser un visitante asiduo do xardín, como a parella de colirroxos da que xa vos teño falado. Ambas especies son sedentarias, de niño fixo. Quedan facéndonos compaña no máis cru do inverno mentres moitas das súas conxéneres danse a boa vida en terras cálidas, como as andoriñas (Hirundo Rustica), que nesta época andan pola África tropical.
Botei a parola co pardal porque eu, ao fin e ao cabo, son tan pequenoburgués coma el. Coa casa nidificada con poliñas de esforzo e xuros de hipoteca, cos pés botando raíces nesta Terra de Melide que me acolleu, gardando a calor do fogar para que os meus non pasen frío, botando horas na cociña para facer do alimento unha festa á que tivemos o privilexio de ser convidados.
Así e todo, segue a rillar dentro miña un proído nómade, unha arela por coñecer eidos estraños á miña percepción, novos aires e recendos, novos horizontes nos que esfarelar os sentidos. Se cadra son un pardal con alma de andoriña. Se cadra, no meu chío escóitase o Desaparecido, de Manu Chao, que di “Yo llevo en el cuerpo un motor / que nunca deja de rolar, / yo llevo en el alma un camino / destinado a nunca llegar”

Chúzao
del.icio.us







Comentarios(3) »
No niño novo do vento
ai unha pomba dourada
Quen poidera namourala
meu amigo.....
¿Recorda o poema de A.Cunqueiro e a musica de Andres Dobarro.....?
non é por tocar os ......, pero o poema de Cunqueiro ó que se refire aopedofarelo creo que é de Luis Emilio Batallán, saúdos e noraboa polo blog
É certo. Ese poema de Cunqueiro foi musicado por Luís Emilio Batallán nunha inesquecible canción. Grazas.
Deixar un Comentario