O informe da vergonza
xosi @ 11:35
A Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) vén de publicar o seu informe anual sobre a fame no mundo. O panorama é desolador. Lonxe de solucionarse este vergonzoso mal, o número de persoas que padecen fame no mundo disparouse e aumentou en corenta millóns nos últimos doce meses. Dos 923 millóns de esfameados de 2007, pasamos a 963 millóns en 2008. O meirande deles concéntranse en países como India, China, Bangladesh, Indonesia, Paquistán, Etiopía ou o Congo. A fame resulta particularmente dramática neste último país, onde por mor dun conflito armado que ameaza con perpetuarse pasouse de once millóns de desnutridos no ano 2005 a 43 millóns agora, o que supón o 76% da poboación do país.
Non está de máis lembrar, sobre estas cifras e estatísticas, o que supón a fame para a xente que a padece. Cómpre recordar que son os nenos quen máis sofren as consecuencias devastadoras da malnutrición. Jean Ziegler, no seu libro Los nuevos amos del mundo (Editorial Destino), lembra que, cada sete segundos, morre de fame un neno menor de dez anos. O comisionado especial da ONU recorda que “Un neno que, entre o momento do seu nacemento e a idade de cinco anos, carece da cantidade suficiente de alimentos axeitados, padecerá as secuelas durante toda a súa vida. Se ben un adulto que de forma temporal teña padecido desnutrición, coa axuda de complexas terapias –que deben aplicarse baixo supervisión médica- pode que logre recuperar unhas condicións de vida normais, no caso dun neno menor de cinco anos de idade, esta recuperación resulta imposible. Privadas de alimento, as súas células cerebrais padeceran lesións irreversíbeis”.
Tamén de Jean Ziegler é o libro A fame no mundo explicada ao meu fillo (Edicións El Aleph) incide nesta problemática. E é que a fame non só provoca mortos. Recorda Ziegler que as vítimas “son homes, mulleres e nenos que, debido á falla de alimentos, padecen lesións con frecuencia irreversíbeis. Ou ben morren nun prazo máis ou menos breve, ou vexetan nun estado de deficiencia grave –cegueira, raquitismo, desenvolvemento insuficiente da capacidade cerebral, etcétera-. Tomemos o exemplo da cegueira: cada ano, sete millóns de persoas, normalmente nenos, perden a vista, o meirande das veces, por falla dunha alimentación suficiente como consecuencia das enfermidades vinculadas ao subdesenvolvemento. 146 millóns de cegos viven nos países de África, Asia e América Latina. O 80% dos afectados poderíase ter evitado cunha achega regular de vitamina A nos pequerrechos”.
E isto nun planeta no que existen recursos agrarios para alimentar ao dobre da poboación mundial actual. Xa que logo, remato con outra cita de Ziegler, cuxa obra non só non perde actualidade, senón que se torna terriblemente profética e reforza a súa vixencia cada día que pasa: “A ecuación é sinxela: quen ten cartos, come e vive; quen non os ten, queda eivado ou morre. A fame persistente e a desnutrición crónica son obra do ser humano. Son o resultado da orde asasina do mundo. Quen morre de fame é vítima dun asasinato”.


Chúzao
del.icio.us







Un Comentario »
Que triste é a realidade !.
Deixar un Comentario