Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Lúa en escabeche

xosi @ 19:30

296-filla-espantallo.gifEstou a ler A filla do espantallo, da sueca Maria Gripe. A pesares de ser un libro destinado a adolescentes a partir de doce anos, e a pesares de ter un estilo moi sinxelo grazas a parágrafos breves e oracións moi curtas, non todo é tan inxel como aparenta. O certo é que Maria Gripe ten un xeito de narrar preciosista, de ourive, o que a converte nunha escritora extraordinaria. De cotío, atopas frases con tal fondura significativa que che obrigan a parar, a saborear cada palabra, a gorentar a súa mestura no sabor final da frase. Moitas veces, esa maneira de escribir racha co prosaico, profana as estremas que afastan á narrativa da poesía máis pura.

Ao comezo do capítulo 13 deste libro, a protagonista, Loella, sinte a chegada da primavera, do tempo cálido. Vede de que maneira maxistral o relata Gripe:

Un día brillou unha nova luz sobre a cidade. O sol iluminou os tellados ata a hora de cear. Loella lembrábao perfectamente porque lles deron pasteis de nata para sobremesa e durante un intre o sol se detivo sobre os pasteis facendo que a nata semellase dourada. Xa non había necesidade de acender a luz para vestirse pola mañá”.

Que maneira prodixiosa de achar a beleza no cotián, nunha raiola pousada sobre un pastel de nata. Lendo a María Gripe, lembrei uns versos do poeta dezao Celso Fernández Sanmartín, publicados en 1995. Din así:

facía unha calor de moita chispa para ser de noite
por iso abriron a ventá da cociña
destaparon unha lata de mexilós e coméronos todos sen pan
picándoos cun pauciño
nisto que se foi a luz e na mesma salsa de escabeche dos mexilós reflexouse a lúa

Aínda que, de seguro, pretendían expresar unha realidade máis espiritual, máis mística, uns versos budistas recompilados por Toko Eicho no Zenrin Kushu, no século XV,  poden abondar nun sentimento semellante:

O meu tellado e a miña casa arderon;
xa nada me oculta a lúa que brilla.

Mais nada, meus. Despídome como adoitaba a despedirse Ramón Trecet no seu programa radiofónico Diálogos 3: “Buscade a beleza. É o único que paga a pena neste noxento mundo”. Ata a vindeira.

297-luar.gif

Chúzao | del.icio.us

Comentarios(2) »

#1
Arsenio Lupin

Chámame clásico, pero eso da lúa no escabeche non o pillo como beleza :-)
Estes poetas modernos.... onde se poña aquela cousa de "E vina tan soa. na noite sen fin. ¡que inda recei pola pobre da tola,. eu, que non teño quén rece por min!"... O vulgo, xa sabes, necesitamos que nolo poñan máis claro :-)

#2

Caghiná, Arsenio! O vulgo non le ciencia ficción hard, e hai moitos que non sabemos distinguir un bit dunha caguña de paxaro, por pór só dous exemplos. Todo é poñerse, meu.

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>