Terapia vacúa
xosi @ 13:42
Hai pouco, souben dunha nova atroz para a miña tribo. O caso é que a alguén moi achegado, que canda neno me collía no colo para cantarme “La vaca lechera”, lle veñen de diagnosticar a enfermidade de Alzheimer, esa doenza que estoupa nun e se leva canda si a media familia coa onda expansiva.
Cando levaron a este ser querido á consulta médica, o doutor pediulle que lle escribise nun papel unha frase, calquera cousa. No intre en que o puño comezou a deslizar o bolígrafo, estaba moi seguro do que facía. Escribiu: “O que quere leite e queixo, ten que ter vacas”. A receita para combater o mal foi tallante: prohibíronlle á familia do doente que lle vendesen as tres vacas que lle quedaban, o epígono dunha facenda que durante décadas veu roldando a vintena.
Así que este home, na fase inicial do seu Alzheimer, leva todos os días ás súas vacas a pacer e con elas volve a casa á noitiña, por prescrición médica. É unha maneira de ser en perigo de extinción neste primeiro mundo tan tecnoloxicamente avanzado. Lémbrame unha das imaxes máis impresionantes das que teño oído falar, correspondente a unha experiencia vital de José Saramago. O Nobel portugués lembra, de cotío, como a seu pai, gravemente enfermo, o mandaron ir para o hospital. Con esa intuición que só ten algunha xente vella, o patriarca dos Saramago, antes de subir na ambulancia, e certo de que aquela era a última ocasión na que vía a súa casa e as súas leiras, entre saloucos, abrazou unha por unha a todas as froiteiras que tiña. Supoño que iso é, realmente, vivir ligado con raíces inquebrantables á terra, formar parte dela coma un carballo ou a carriza, algo que moitos dos que estendemos os nosos sentidos a través do teclado dun computador dificilmente chegaremos a sentir.

Chúzao
del.icio.us







Non hai Comentarios »
Deixar un Comentario