Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Escusas e lixo

xosi @ 06:33

Creo que debo unha explicación aos seguidores deste blog. Supoño que moitos notariades que, nos últimos tempos, salvando o bo facer do Pedro Panduriño na serie H e na recentemente creada O pingüín magoado, a calidade dos textos publicados decaeu. Como para todo, hai unha explicación.

281-o-lume-dos-sonos.gifAntes de nada, confesareivos que a un servidor deulle e séguelle a dar pola teima de escribir historias. As circunstancias da vida, os traballos e as obrigas, fixeron que esa entrega á creación literaria fose máis que irregular, tanto que nos últimos anos transformárase nunha auténtica travesía polo deserto que deu os seus froitos na carreira xornalística. De antes dela, ficaron dous títulos publicados que mereceron cadanseu premio literario: o Letras de Cal por Presencia da fenda, asinado por Xosé de Cea; e o Meiga Moira por O lume dos soños, desta vez asinado por Cibrán Ulloa. Nin que dicir ten que ambas sinaturas son pseudónimos.

A paternidade obrigoume a deixar o traballo, polo que o degoiro de volver soñar a través dun teclado retornou con forza. Mes tras mes, dende que comparto case as vintecatro horas do día co meu fillo Breixo, veño prometéndome que, en canto vaia á escola (será dentro dun ano), penso permitirme o luxo de ceibar sobre o papel unhas cantas ideas desas que obsesionan a un ata que non se ven plasmadas en tinta. Pero como se trataba diso, dunha obsesión, de moitas obsesións, ao final a cabra tirou ao monte e non din aturado.

Para min o blog era como a metadona da escrita, algo que saciaba o meu apetito inmediato por meterme cousas máis fortes. Mais, dende o 1 de setembro, volvo estar enganchado á escrita literaria, e o meu tempo libre está a ela dedicado. Velaí a razón pola os meus textos no blog escasean en calidade e frecuencia. Entre o Breixo e a historia que ando a escribir ás penas hai ocos para outra cousa.

Así e todo, tomeille tanta estima a este blog que vou seguir debullando os miolos nel, aínda que sexa de maneira mediocre e marxinal. Tedes que desculpar se boto todos os meus azos en parir un novo fillo, este de letra e soños impresos.

282-harry-potter.gifCon esta confesión publicada, estou agora mesmo en condicións de dicirvos que, a partir de agora, se cadra mato dous paxaros dun tiro falándovos de como vai o proceso creativo e, como non, das miñas alucinantes viaxes como lector. Porque veño de recuar un cuarto de século na miña mente e volvo ser ese neno que se marabilla con certas lecturas das que darei cumprida conta e que pouco ou nada teñen que ver co serio e aburrido mundo dos adultos; porque veño de rematar a cuarta entrega de Harry Potter e estou como se esnifase un quintal de ilusión e abraio, de marabilla sólida, de sentida admiración; porque estou posuído por unha historia que, paseniño, vai tomando forma, corpo, solidez, coma se todos eses anacos que estou a empatar xa estivesen a prefigurar a contorna do meu particular monstro de Frankenstein, un monstro aínda por construír, aínda pendente de que lle insuflen vida, aínda á espera de que a toda esa amalgama mal empatada e tremente lle apliquen unhas severas cirurxías plásticas para que ninguén se asuste ao topar con ela e, se cadra, teña a capacidade de seducir a quen a vexa.

Aprendida a lección que sufriu nas carnes o amigo Eduardo Estévez, non vos adiantarei nada do que estou a escribir mais, de cando en vez, si de como vai o proceso creativo, de como me enfronto a certas pantasmas como a inseguridade ou o sono; de como se produce, a pesares de todo, o milagre cada madrugada. Se tedes a paciencia de seguir a aturar a quen isto escrebe, seguiremos compartindo bos intres diante da pantalla do ordenador. O de lixo non é que me estea a fustrigar; é o nome dunha nova sección neste blog que responde ás iniciais de Literatura Infantil e Xuvenil mesturadas coa primeira sílaba de Xosi. Xa que logo, e feitas as aclaracións que cumpría facer, deica.

Chúzao | del.icio.us

Comentarios(3) »

#1
Arsenio Lupin

Coidado, Xosi: Harry Potter estase a mergullar nas horas máis escuras.
Sobre todo, sobre todo, sobre todo: nunca intentes buscar en Internet sobre Harry Potter, ou esnaquizarás as sorpresas.
Eu, a punto de acabar cos meus fillos o sétimo libro (que xa lera en inglés no seu momento polas ansias de saber como acababa), non podo máis que descubrirme ante o tremendo encaixe que representa unha historia de case 4.000 páxinas que levou dez anos escribir.
Ánimo co novo "fillo". JKRowling tiña xa 33 anos cando lle publicaron o primeiro Potter, e xa ves: a máis rica de Inglaterra.

#2

Tes razón. Xa levei algunha desagradable sorpresa en relación con Harry Potter en Internet, así que procuro non buscar nada para conservar a miña inocencia lectora. En canto a ese fillo literario, vai ser moito máis humilde co da Rowling: primeiro, porque fala en galego e non en inglés; e segundo, porque a cabrona escribe a dios e calquera lle chega á sola do zapato... Así e todo, habemos teimar. E grazas polos azos.

#3
Panduriño

A ver, oh!
Mira que és chorón!
Non sei se me lembras máis ó "Pingüino Magoado" (ollo ó piollo, dixen "Pingüino"), ou ó "Gorila Chorimicas"!
En fin (ou é "na fin"?, que non son formas. Hai que deixarse de pedir "mimos" (entrecomillado por se é unha palabra castelá; Ouh, Xosi!) e poñerse o traxe de faena para darlle caña, letra tras letra ata ata onde se poida.
Chorón, que és un chorón!
Pagarás caro este artigo no que me deixas tan ben, pero que é só unha mostra de autoflaxelación!.

Se segues así, vou ter que facerche unha sección de axuste de contas!.

Mono!

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>