A poesía na picota por un blog
xosi @ 22:02
A semana pasada descubrín, cun pouco de abraio e moita sorpresa, que ao compañeiro Eduardo Estévez lle roubaron o premio de poesía González Garcés que gañara co poemario Construcións. Polo que sei, o finalista, Xavier Lama, recorreu o fallo do xurado ao saber que parte dos poemas premiados se publicaran previamente no blog En construcion. As bases do González Garcés esixen que os poemas presentados sexan inéditos, é certo. Todas as bases de todos os concursos literarios o fan. Mais paréceme un acto moi pobre e rastreiro ter que reclamar para que che concedan un galardón que, de primeiras, non mereciches. Porque non estamos a falar de que Estevez estivese confabulado con membros do xurado ou que perpetrase calquera outra trampa que puxera en desavantaxe a Lama, non. O pecado foi realizar unha experiencia que me parece interesantísima, desas que insuflan osíxeno á sempiterna afogada que é a poesía: ir publicando o poemario a medida que este ía nacendo, medrando, evolucionando, construíndose; máis o menos, destaparlle as entrañas ao proceso creativo, unha especie lírica de reality show para minorías que aínda saben escoitar a infinidade de resóns que pode agachar unha palabra. Resumindo: Eduardo non trampeou para que lle desen o premio. Déronllo porque o merecía, pola calidade dos seus versos, unha calidade testemuñada por criterios do calibre que ostentan apelidos como Álvarez Torneiro, Navaza, Pozo Garza ou Romero. Sinceramente, creo que a parte triste de todo este embrollo tocoulle padecela a Xavier Lama que, me temo, será lembrado como o gañador máis prosaico dun certame poético nas nosas letras. Que lle aproveiten os 6.500 euros!

Chúzao
del.icio.us









Un Comentario »
Estou dacordo totalmente contigo.
A verdade é que eu non coñezo, nin lein nada ni dun ni doutro poeta, pero pareceme indigno ter recurrido alegando a publicacion nun blog.....dos poemas do gañador.
Magoa.
Deixar un Comentario