Vidas senlleiras (1): Walter Hermann Koch
xosi @ 06:21
Inauguro con este post unha sección á que vou bautizar como Vidas senlleiras, título dun feixe de contos de Darío Xohán Cabana co que o autor de Roás se fixo coa única edición ata a data do premio mellor dotado na historia das letras galegas, o Cidade de Lugo, galardón co que embolsou dez millóns de pesetas. Desfilarán por aquí, xa que logo, vidas senlleiras, que non egrexias, de xentes que teñen feito da súa vida un percorrido singular que, aínda que en moitos casos non lles valeu o ascenso a ningún parnaso, sempre foi unha aposta clara por seguir os pulos que a cadaquén lle dictou o corazón.
Teño que incluír nesta sección, xa por forza, os nomes que engrosaron a breve serie que titulei Nas ás da liberdade: Elixio Rodríguez, Roald Dahl e Antoine de Saint-Exupéry. A pesares diso, tomade o nome de hoxe como o da inauguración oficial: Walter Hermann Koch. Este señoriño de fasquía fráxil e esguízara probou a dureza da vida con pouco máis de quince anos, cando o internaron no campo de exterminio de Auschwitz. Non teño referencias do que fixo nos anos posteriores ao holocausto nazi. O único que sei –que sabemos todos, pois o que se fala sobre el é moi escaso- é que, cando andaba ao redor dos cincuenta anos, fixo unha aposta cun grupo de empresarios que habería gobernar o resto dos seus días: sobre a mesa 1.700 millóns de pesetas que serían seus se percorría a pé 600.000 quilómetros. Teño un recorte de La Voz de Galicia que gardo como ouro en pano no que afirma que xa levaba camiñados 700.000 quilómetros aos seus 76 anos. Nembargante, en ningún sitio descubrín que chegase a cobrar tan fabulosa fortuna, o cal é estraño, pois tería sido unha nova desas que dan a volta ao mundo. De feito, é moi raro que se fale tan pouco da súa fazaña (só atopei dúas entradas relacionadas con el en Internet, e a única nova que achei na heméroteca web de La Voz non enlaza co texto). Se cadra é que é humilde de máis. Quero pensar que si, pois un carácter dese tipo cádrame co dun home que apostou boa parte da súa vida a algo tan sinxelo como camiñar. En calquera caso, se sabedes algo máis de Walter Hermann Koch, encantaríame sabelo. Unha vida senlleira, sen dubida algunha.

Chúzao
del.icio.us







Comentarios(2) »
Acabo de publicar esta entrada e, matinando, as cifras non me cadran. Teño feito o Camiño de Santiago e gústame moito o de botarme a andar. Hai unha ecuación que, metro arriba metro abaixo, é constante: 5 quilómetros = 1 hora. A este ritmo, Koch podería facer 40 quilómetros diarios tras oito horas de camiñada. Admitindo que camiñase os 365 días do ano baixo esta media (que é moito admitir) iso dános 14.600 quilómetros anuais. Se dividimos os 700.000 que se afirma que camiñou entre eses 14.600, o resultado é que necesitaría 48 anos da súa vida, camiñando unha media de 40 quilómetros diarios, para facelo. O dito: as cifras non me cadran. Alguén ten máis datos para saber máis do enigma Koch?
REalmente formidable.
CAndo eu tiña vinte e pico de anos, tiña un amigo, co que saia de marcha. REcordo unha vez, comentando algunha desas novoas impactantes, coma esta que ti traes hoxe, que meu amigo mirandome moi serio dixome:
Oes Angel, xa ves, mentras ti mais eu estamos aqui emborrachandonos como tolos, ai xente por ai que esta a traballar sen parar para que o mundo sexa mellor...¿Que che parece?...
A pesarem de todo, as veces atopa algo polo que ainda merece a pena loitar mentalmente contra o conformismo consumista.
Deixar un Comentario