Estes días, a multinacional Nestlé volve estar no punto de mira. Desta vez, quen apunta é a ONGD galega Amarante, que denuncia as condicións de miseria na que viven os produtores de café e de cacao que fornecen ao maior conglomerado industrial de Suíza, con medio milleiro de fábricas en todo o mundo, 230.000 traballadores e uns ingresos por vendas no ano 2000 de 53.000 millóns de euros. Amarante denuncia que as materias primas coas que Nestlé fabrica os seus produtos “son adquiridas noutros países, onde a produción de alimentos é caracterizada por estándares paupérrimos no que atinxe ao respecto dos Dereitos Humanos. Na maioría destes países, homes e mulleres sofren explotación dende o punto de vista financeiro e da saúde. Este aspecto percíbese particularmente na produción de dous cultivos de dimensións mundiais: o cacao e o café. Nestlé, como líder mundial, ten unha grande influencia sobre o prezo extremadamente flutuante e baixo que sae ao mercado. Ao non pagar un prezo xusto polas súas materias primas, a multinacional convértese en cómplice condenando á miseria ás pequenas comunidades campesiñas e agricultoras”.
En particular, o tema do café é sangrante. Trátase do produto que xera máis divisas no mundo despois do petróleo. Nembargante, os 25 millóns de produtores que hai no mundo e as súas familias só olen o 3% deses substanciosos beneficios. Boa parte do resto acaba engrosando as arcas de multinacionais como Nestlé, Kraft Jacobs Suchard ou General Foods. Afondar nesta face da inxustiza é unha boa escusa para non perderse o programa de actividades que vai desenvolver Amarante en Compostela con gallo da estrea do documental Ouro negro. O filme, que trata precisamente do tema do café, proxectarase na Galería Sargadelos o 25 de setembro e o 1 de outubro, a partires das 19.30 horas.
Non sobra lembrar, xa que estamos a falar de Nestlé, un currículo que inclúe, segundo O libro negro das marcas (Klaus Wener e Hasn Weiss, Ed. DeBOLS!LLO) “Comercialización de alimentos para bebés mediante métodos prohibidos internacionalmente, e explotación e escravitude infantil a través dos provedores de materias primas”.
Interésame, particularmente, a primeira das acusacións, o da comercialización agresiva e ilegal de leite infantil no terceiro mundo. Os sicarios de Nestlé actúan nos propios hospitais, convencendo ás nais de que o mellor leite para o seu bebé é o de Nestlé, e non o materno. Unhas mostras gratuítas axudan a convencer. A miseria fai o resto: na maior parte do terceiro mundo ferver auga con lume de leña é moi traballoso, polo que se acaban facendo os biberóns con auga sen esterilizar. Sobra dicir que a auga potable pura nestes países é un ben escaso. Prácticas comerciais como as de Nestlé axudan a que cada ano morran no mundo un millón e medio de nenos por infeccións, ao optar polo biberón en troques do peito da nai (datos da Organización Mundial da Saúde). Este tipo de accións teñen xerado fortes campañas internacionais de boicot contra Nestlé e as protestas de varios organismos da ONU.
Nunca foi máis doado buscar alternativas que non teñan que pasar polos produtos Nestlé dos que veño de falar. Para o café, tes opcións de altísima calidade e de cultivo ecolóxico nas tendas do comercio xusto (Eccos, en Melide; ou Confeitería La Esquina, en Arzúa). En canto aos preparados lácteos infantís, non tragarse os contos das empresas e optar polo leite materno, que está máis que demostrado que é o mellor; en caso de elixir leite en po, hai boas marcas sen ter que recorrer á Nestlé.
Despido esta entrada cun par de imaxes nas que me tocou vivir as iras contra a multinacional suíza moi de preto. A primeira delas data do 28 de marzo de 2003, e retrata unha concentración diante da entrada da sede central de Nestlé en Vevey (Suíza), xunto a personaxes tan egrexios como Lidia Senra ou José Bové. Teño un recordo ben curioso daquela viaxe ao país helvético que expresa de maneira meridiana o abismo que afasta ao norte do sur. A comitiva de labregos á que acompañaba –viñan de Galiza, Euskadi, Aragón, A Rioxa, Andalucía, Francia e Italia- tivo que facer noite nun refuxio nuclear de Xenebra. O lugar era pintoresco: estabamos baixo terra, nun subterráneo construído de grosos muros de formigón armado ao que se accedía a través dunha porta de metal blindado que debía ter case dúas cuartas de grosor. O terrible e inhumano contraste foi que, neses intres, Bagdad estaba a sucumbir esnaquizada baixo toneladas e toneladas de bombas do exército norteamericano. A xulgar polo titular de La Voz de Galicia esa fin de semana (Bagdad vive un día de terror absoluto), mentres nós durmiamos ben quentiños e protexidos por unha máis que extrema seguridade na pacífica Suíza, miles de iraquies ficaban esventrados ou co fogar destruído pola metralla homicida das bombas ianquis. Que mundo de contrastes este! Non si?
A segunda imaxe é a dunha manifestación do sector leiteiro galego diante da factoría de Nestlé en Pontecesures, o 10 de abril de 2006. A reivindicación dos nosos gandeiros era a de sempre: prezos xustos para o produto do seu traballo. E é que a inxustiza non se padece só no sur...

Agora si, a solución ao enigmático titular. Sabedes en que se parece un refuxio nuclear a un gran de café? En que ambos poden chegar a expresar a abismal fenda que afasta a uns seres humanos doutros. Nin máis, nin menos.

Chúzao
del.icio.us









Comentarios(2) »
Carafio, Xosi! Hoxe levantácheste cedo e cargaches o bazooka anti-globalización!!
Pode que o peor sexa a falta de fontes fiables: ninguén pode estar seguro do que pasa exactamente coa Nestlé nen de cales serían os "prezos xustos" do mercado. É irónico ver cómo a acumulación de información leva a estar máis desinformados ¿non?
Home, hai datos fiábeis. Que a Nestlé nada no dólar é un deles (é a maior empresa de Suíza, e Suíza non é, precisamente, un país pobre). Que os millóns de familias que se dedican ao cultivo do café cobran prezos de miseria polo produto do seu traballo, e que viven en condicións de vida miserábeis, tamén (comprobeino en vivo e en directo no Brasil).
Outro tema sería cuantificar exactamente cantas mortes infantís se lle poden atribuír directamente ás prácticas comerciais agresivas de Nestlé en África, pero de seguro que se lle poderían imputar algunhas dese millón e medio que cita a OMS...
En canto ao de erguerse cedo, non me fales. Hoxe non peguei ollo por mor dunha infección de gorxa que -creo- me contaxiou Breixo. O caso é que ás seis da mañá xa andaba a fedellar no ordenador...
Deixar un Comentario