Os ionquis do catarro
xosi @ 06:32
Tiña ganas de escribir algo máis sobre a filantropía empresarial da multinacional alemana do sector químico Bayer, que ten deixado legados tan egrexios para a humanidade como o campo de exterminio de Auschwitz, o Zyklon B ou o gas mostaza. Antes desa sacrificada voluntariedade a prol da industria da guerra e do ascenso do nazismo, Bayer patentaba dous fármacos que, en distintos eidos, habían ser revolucionarios. Un deles, por todos coñecido, é o ácido acetilsalicílico, que comezou a comercializar baixo o nome de Aspirina en 1899 e que catapultou a esta industria ao estrelado do firmamento capitalista (pensemos que, na actualidade, no mundo consúmense uns 100.000 millóns de comprimidos de Aspirina cada ano; iso ten que deixarlle unha pasta gansa á empresa xermana, va que si?).
Mais é o outro achado da Bayer o que agora me interesa, o do xarope de Heroína contra a tose. En efecto, a Bayer lanzou ao mercado, once días despois que a Aspirina, un xarope doutro dos seus inventos rexistrados, un derivado da morfina que bautizou como Heroin. O xarope de Heroina quitábache a tose, madia leva. O simpático do asunto é que, para máis inri, as fortes campañas publicitarias de Bayer ían dirixidas a fomentar o seu consumo nun público infantil, se cadra máis propenso a pillar catarros e máis sensible aos seus síntomas. E así estiveron tres lustros, vendendo o xaropiño a mancheas, ata que en 1913 caeron da burra e se decataron de que a Heroína se metabolizaba no corpo como morfina e era máis aditiva ca esta última.
No inverno de 1912, os xornais españois servían de taboleiro de anuncios para promover o fármaco milagreiro. Resúltame particularmente revelador o anuncio no que se ve a un neno tentando arrebatarlle á súa nai a botella de xarope, cal párvulo ionqui, con gravata e raia á esquerda dun cabelo impecablemente peiteado. Supoño que este tipo de publicidade, moi orientada a espertar o temor da xente na invernía e no tempo chuvioso, debeu ter especial impacto na Galiza. De feito, o tal medicamento aconsellábase como preventivo para que se consumise antes mesmo de estar un acatarrado. De seguro que, cando se deixou de comercializar, en Europa habíase producir unha vaga de nenos e non tan nenos lapidados baixo os síntomas dun agudo síndrome de abstinencia, que ven durando uns oito días. Miles de persoas deberon pasar unha semaniña infernal no vello continente e ficar cun sentimento de fondo desamparo ao matinar en como sería un inverno sen ter nada para calmar a tose.
O tema resultaríame gracioso se non tivese tropezado tantas veces nos cráteres deixados pola artillería das drogas, se non me tivese cribado a alma en tantas ocasións a súa metralla, se non tivese visto tantos cadáveres derreados a desintegrarse gume abaixo da navalla en que deviñera a súa vida, se as bágoas que me ten tirado dos ollos non queimasen tanto no rostro descomposto pola dor. Cun pouco de imaxinación, poderíanse facer bos chistes a conta do ditoso xarope. Mais un prefire calar cando, segundo un informe da Organización Mundial da Saúde (OMS) do ano 2000, hai no mundo oito millóns de consumidores habituais de heroína. Se a esta cifra engadimos as vítimas resultantes da delincuencia, da transmisión de enfermidades como a Sida, ou da violencia das mafias e do crime organizado que se asocian a esta droga; a Auschwitz, ao Zyklon B e ao gas mostaza non lles quedaría outra que recuar no podio das armas de destrución masiva ideadas, fabricadas e xestionadas pola Bayer ao longo da súa fecunda historia.


Chúzao
del.icio.us









Un Comentario »
Flipante.... a saber qué estaremos tomando ahora que dentro de unos años nos echaremos las manos a la cabeza ¿no?
Por cierto: otoño sucks, primavera rules :-)
Deixar un Comentario