Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

261-burgo-vello-broz-pequeno.gifDeterse de vagar diante dos cadros de Xosé Manuel Broz é un auténtico goce, sobre todo para aqueles que temos certas cordas na alma que vibran ao atoparse diante dunha natureza virxe ou diante das pedras que albergan a nosa memoria. Ata o de agora, foi esta feliz conxunción temática a que dotou de personalidade propia á arte de Broz, ese darse a man entre as obras talladas co cicel e a suor das xentes e aqueloutras creacións que xorden espontaneamente dende a nai terra como expresión do irresistible pulo que dá orixe e sustenta a vida. Así, a arquitectura civil, relixiosa e popular danzan harmoniosamente cos nosos montes, fragas e praderías sobre os lenzos de Xosé Manuel Broz; e nós asistimos embriagados a tal espectáculo capturado pola súa agudísima vista e ofrendando aos nosos sentidos no interior dun marco cal besta brava nun curro.

Ese foi o Broz que eu coñecía e que coñecín ata que me deixei caer pola súa última exposición –en agosto, no Museo da Terra de Melide- na que, sen deixar de ser fiel a esa liña trazada, introduciu unha nova perspectiva, tan inesperada como venturosa, que supón un novo filón que, de seguro, nos deparará no futuro máis dunha sorpresa. A viraxe dada por Broz consistiu, nin máis nin menos, que en coller o cabalete e os pinceis para levalos máis alá do burgo vello de Melide no que tan bos froitos ten recolleito.

260-urbana-broz-2-pequena.gifA concepción que ganduxa a obra broziana ten continuidade, desta maneira, nunhas paisaxes na que a vulgaridade do ladrillo e do asfalto substitúen á nobreza da pedra. E esa concepción non é outra que a de tirar beleza de calquera recanto que pouse diante da súa mirada escrutadora. Daquela, o leit motiv por excelencia na obra pictórica de Broz é, precisamente, ese idealismo que despoxa á imaxe de toda borralla que poida emporcallar a visión da beleza en estado puro inherente a calquera cousa ou ser animado. No caso que nos ocupa, a paisaxe melidense.

258-urbana-broz-1-pequena.gifSe ollades ben os cadros –están lixeiramente distorsionados pola curvatura do obxectivo da cámara e os reflexos da iluminación artificial- toparédesvos diante dun Melide alucinante, case fantasmagórico, con esas rúas limpas de coches, de cables, de persoas, de farois ou de calquera moble urbano susceptíbel de taparnos esa beleza que Broz insiste en amosarnos núa, espida de calquera accesorio superfluo. Trátase, xa que logo, dun hiperrealismo positivista na liña dun Antonio López, antítese desoutro realismo sucio que insiste en amosarnos aqueles detalles que os nosos sentidos aborrecen, que incitan ao rexeitamento. Facer isto, destapar a beleza dunha paisaxe urbana na que só dabamos visto fealdade, é un gran achado de Broz que, ata o de agora tíñao acadado dun xeito máis doado grazas a ter por figurantes a arquitectura monumental e tradicional e a vizosa paisaxe da bisbarra.

Haberá que agardar con expectación, xa que logo, a seguinte exposición de Xosé Manuel Broz despois de que a brevidade desta nos impedise reincidir no seu goce. E se ninguén o di, direino eu: para cando unha exposición permanente co máis selecto da obra dun dos nosos mellores pintores? 

263-exposicion-broz.gif

Chúzao | del.icio.us

Non hai Comentarios »

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>