Fíos de Ariadna no labirinto balcánico
xosi @ 09:17
Coincidiume o remate de A ponte sobre o Drina (Ivo Andrić, 1945) coa recente captura de Radovan Karadžić por axentes da BIA (servizo secreto serbio) o pasado 21 de xullo. Acúsalle o Tribunal da Haya de xenocidio e crimes contra a humanidade. É unha das guindas que coroou, quince anos despois, ese crebacabezas sanguinario en que derivou a mestizaxe étnica e o mosaico multicultural da antiga Iugoslavia e, en concreto, de Bosnia. A ponte sobre o Drina, que publicou
Rinoceronte Editora en galego o ano pasado, traducida por Jairo Dorado, é unha desas novelas que, partindo das anécdotas cotiás dunha pequena vila (Višegrad), é quen de retratar a alma dun pobo (neste caso, a alma de varios pobos: o serbio, o musulmán e a comunidade xudía, principalmente). Tales anécdotas comezan cando un cativo labrego da aldea de Sokolovići é arrincado da súa familia xunto a outros nenos para ser levado á capital do Imperio Otomán, Istambul, en 1516. O rapaz quedará marcado ao cruzar as augas do Drina e, anos despois, chegará a ser Mehmed Paxá Sokoli, almirante da flota turca e xenro do Sultán. Será el quen financie a construción da ponte sobre o río Drina, unha obra pía que, como a Porta de Alcalá cantada por Ana Belén e Víctor Manuel, será testemuña muda e inalterábel do devir dos tempos e, no caso que nos ocupa, a escusa de Andrić para enfiar unha crónica que se delongará durante catro séculos, ata o estoupido da Primeira Guerra Mundial.
En palabras do músico e cineasta serbio Emir Kusturica, A ponte sobre o Drina “é a biblia da nosa nación. Podemos dicir que toda a magnífica verdade sobre a nosa existencia, a nosa historia, a nosa forma de sufrir e de sobrevivir, a imaxe completa de nós, é este libro. Nada mellor que este libro describe a nosa traxedia, a nosa comedia, o noso sentido do surrealismo e o noso sentido da historia” (entrevista publicada en A Nosa Terra, 10 de febreiro de 2008).
A min, que xa me coincidira estudiar a problemática dos Balcáns na materia de Historia Contemporánea que cursei en primeiro de carreira, esta novela iluminoume de maneira límpida e clara as raíces dunha traxedia da que case todos fomos testemuñas, mais que non deixa de ser un suma e segue afundido nos substratos dese odio ancestral que nace da incomprensión e da refractariedade cara a outras culturas e que converteu a esta rexión do Adriático na polvoreira de Europa. A maiores, atopei no libro de Andrić unha das mellores descricións do que supuxo a chegada dos tempos modernos para xeitos de vida ancestrais que ficaban imperturbábeis dende había centurias.
Quen queira afondar neste capítulo da historia europea sen saírmonos do val do Drina, poderá completar a súa indagación lendo os cómics de Joe Sacco sobre a guerra en Bosnia. Se esa persoa reside en Melide e é socia da biblioteca municipal, está de sorte, pois atopará nos andeis obras como Gorazde: zona protegida, El mediador ou El final de la guerra, doadas de ler e magníficos mosaicos nos que se cruzan de maneira diáfana a historia e a intrahistoria dun conflito fratricida que remexeu a nosa conciencia non hai tanto. Mentres que o primeiro deses cómics me parece unha lectura indispensábel que pode servir de addenda á novela A ponte sobre o Drina, no último dos citados o lector ou a lectora atoparán a historia Navidad con Karadžić, perfecto colofón pola súa rabiosa actualidade.
No epílogo de El final de la guerra, Sacco recorda a orde internacional de captura contra Karadžić, ditada en 1996, e a súa situación en paradoiro descoñecido nove anos despois; nas dedicatorias, di: “Navidad con Karadžić publicouse en 1997 sen dedicatoria. Mais agora gustaríame dedicarlle esa historia ao persoal do Tribunal Penal Internacional para a ex-Iugoslavia e a todos os que traballan para arrestar a Radovan Karadžić”. Supoño que Joe Sacco estará ledo por atoparen estas palabras o seu destinatario final.


Chúzao
del.icio.us









Comentarios(3) »
Alédome que gustase da obra e da tradución. Un saúdo dende Saraievo,
Jairo Dorado
Unha honra que deixes o teu comentario neste blog, Jairo. Oxalá sigamos gozando de grandes obras mestras da literatura universal vertidas ao galego coma A ponte sobre o Drina. Unha aperta dende Melide.
Se todo vai ben, e grazas a Rinoceronte, tras case un lustro de espera, teremos por fin a Danilo Kis en galego.
Ademais un escritor serbio contemporaneo...
Un saudo
Deixar un Comentario