Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Habitáculos

xosi @ 08:18

230-luthea-salom.gif

Luthea Salom vén de renovar completamente a súa páxina web. Fíxoo coincidindo co remate da súa xira por Europa que, como ben sabemos, tivo o seu broche final no concerto que a artista hispano canadense deu no Cantón de San Roque, en Melide (Festival das Artes e das Letras, 5 de xullo de 2008). Gustoume moito esa nova imaxe que ofrece na rede; encantoume, sobre todo, a composición fotográfica coa que nos recibe: completamente espida, fresca e natural, nunha habitación case tan en coiros coma ela, coas paredes encaladas, unha cadeira, unha mesa, e unha ventá que inunda de luz a estancia. Semella unha descrición gráfica da música e das letras coas que Luthea Salom ispe as súas entrañas diante nosa, e a min lémbrame a fotografía de contraportada que viña no álbum Songs from a room, de Leonard Cohen, 231-songs-from-a-room.gifcunha habitación de características semellantes, mais coa fiestra pechada e unha moza xogando cunha máquina de escribir. Sempre me fascinou a imaxe porque, se cadra, ese habitáculo minimalista contiña tres dos ingredientes máis necesarios para cociñar a receita da felicidade: unha muller, unha cama e unha máquina de escribir. O punto de sal que lle dá a luz á estancia de Luthea poderíase explicar pola influencia do Mediterráneo na súa vida, aínda que, en honra á verdade, a fotografía do tamén canadense Cohen foi tomada no interior da súa casa cando vivía na illa de Hydra, en Grecia. Poida que as contras estivesen pechadas porque daquela xa tiña o aquel de ermitán que o levaría, décadas despois, a recluírse nun mosteiro zen; mais, quitándolle mística ao tema, o máis seguro é que quixese evitar un molesto contraluz...

Chúzao | del.icio.us

Non hai Comentarios »

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>