Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

O deus McKeon

xosi @ 08:46

218-scott-1.gifHai teloneiros que devoran ás estrelas do cartel, como acontecera naquel mítico concerto no que se deran a coñecer Los Suaves na Coruña e deixaran á altura do betume a The Ramones. Corría o ano 1981. A semana pasada -24 de xullo de 2008- acontecía o mesmo con Scott McKeon no Festival de Blues e Jazz de Pontevedra. O novísimo guitarrista británico, aos seus 21 anos, merendábase ao mítico, lítico, artrítico e case paralítico Johnny Winter, xunto a outros dous gamberros do blues se cadra máis descarados ca el. Para máis inri, por motivos de idade, supoño, Winter tocou en primeiro lugar e deixoulle o remate ao rapaz. E así lle foi. Unha boa escusa para sacar a colación aquela anécdota dun Eric Clapton tamén mozo, tamén británico, que se daba a coñecer como guitarrista bluesbreaker de John Mayall; daquela, nas rúas de Londres aparecían pintadas que rezaban Clapton is god (Clapton é Deus). Supoño que o fulano que rubricaba tales aseveracións debía ser un hippy ata as cellas de LSD ou marihuana e en pleno arrebato místico. A miña calvicie e ateísmo impedíronme enzoufar a pedra da Peregrina con graffitis semellantes en honra a McKeon, pero debín sentir algo parecido baixo a implacábel choiva da Ferrería.

219-scott-2.gifAfillado artístico de Mark Knopfler, Scott Mckeon tamén apostou, como Winter, por unha formación de trío para presentar o seu único álbum ata a data: Can’t take no more, título tomado do soberbio tema que inaugura o disco e co que nos saúda ao entrar na súa páxina web. Os rapaces apareceron coma se o fixesen nun pub calquera, humildes, sen ninguén que probase os instrumentos por eles, sen mordomos que lles encerasen as táboas do escenario. A choiva fixo que moitos abandonasen a praza. Mais, dende os primeiros acordes, os que quedamos soubemos que non estabamos ante un miñaxoia. Cunha castigada Fender Stratocaster do 62, McKeon comezou a debullar ese son que o caracteriza, moi eléctrico, moi rockeiro, mais puro blues na liña inaugurada por Cream hai corenta anos. 220-bateria-scott.gifDialogaba coa guitarra, interrogábaa, sacáballe timbres e sonoridades do máis singular sen renunciar a frases máis agresivas baseadas na velocidade e nas distorsións de gama dura. Os dous adolescentes que o acompañaban estiveron á altura das circunstancias. Tom Latham, ao baixo, tamén se distinguiu por sacarlle uns sons moi especiais ao seu instrumento; mentres que o batería, Phil Wilson, especializado na difícil técnica de fumar coma un carreteiro a pesares de ter ocupadas as mans coas baquetas, demostrou ser un auténtico front man, un sádico histrión que torturaba tambores e pratos con exquisita furia.

221-silueta-scott.gifAo remate, os tres quixeron compartir a molladura coa xente que termamos estoicamente ata o final. Os cedés que puxeron á venda, esgotáronse axiña; moitos case rifaban por poder mercalos. Scott e os seus asináronos pacientemente todos, pousaron para as cámaras, aturaron bromas e paupérrimas tentativas de English practises. Estrelas que aínda non acadaron o firmamento da fama. Gustáronme así, ao alcance da man, case que tímidos fóra do parapeto escénico, gozando dos seus seareiros coma se fosen tamén un espectáculo para eles, un concerto de cariño e admiración cun aforo para tres elixidos.

217-con-scott.gif

Chúzao | del.icio.us

Non hai Comentarios »

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>