Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Con estas ás da liberdade quero render homenaxe a tres vidas senlleiras que tiveron en común o ter pilotado avións para combater, dun xeito ou doutro, ao fascismo que se estaba a estender coma un andazo por Europa no segundo terzo do século pasado. Daquela, a aviación aínda era algo heroico e moi pouco académico: a poesía e o sentido da beleza, a paixón e o risco, pesaban máis có cadro de mandos e cós instrumentos de navegación. Así, e durante tres entregas, desfilarán por este blog Elixio Rodríguez, Roald Dahl e Antoine de Saint-Exupery. A orde de aparición virá marcada pola fortuna que tivo cada un nese voar singular que, ao fin e ao cabo, é a vida de cadaquén.

210-elixio-mozo.gifComezo, xa que logo, polo noso paisano, o Elixio Rodríguez, que no 2007, con 97 anos de idade, atopouse por fin cara a cara cunha vella coñecida: a morte; e atopouse con ela despois terlle feito burla en incontábeis ocasións, tantas que xa tiñan un algo de confianza o un co outro, coma dous veciños en desavinza que conviven e se aturan case que por costume. Veño de ler o seu libro, unha obra á que lle tiña ben ganas: Matádeo mañá (Edicións Xerais). A Elixio foi ao único que vin en carne e óso, a pouquiños metros, no palco da Quintana no 25 de xullo de 2003.

Estou convencido de que Elixio non xogaba á lotaría con demasiada frecuencia, pois se o fixese debería ter sido, por forza, millonario. A lotaría que lle tocou, nembargante, foi ben máis valiosa ca todo o ouro do mundo. Elixio Rodríguez debe ser unha das poucas persoas que, durante a Guerra Civil, estivo condenado a morte tanto polos insurxentes como polos republicanos; das poucas persoas que estivo a segundos de sentir o dardo 208-matadeo-mana.gifmortal dunha bala asasina levándoselle a vida e que viviu para contalo. Laborioso galeguista de Bande (Ourense) na campaña a prol do Estatuto de Galiza, en canto o golpe de estado de Franco conquistou o noso país foi un dos primeiros en ser detidos pola Falanxe e en pasar longas noites de pedra nas celas do mosteiro de Celanova, devidas en cárcere e cuxa infamia había inmortalizar Celso Emilio. A Elixio fórono pasear unha noite ao monte Furriolo xunto a outros catro prisioneiros. Tivo a fortuna de que Pousa, un amigo seu do bando rebelde, acadara unha orde de liberdade coa escusa de que debían seguir interrogando ao prisioneiro para sacarlle valiosa información. Cando Pousa deu chegado coa orde ao Furriolo, catro cadáveres xacían na cuneta; só Elixio continuaba con vida, agardando a súa quenda. Pousa pronunciou a frase coa que se intitularía o libro máis de medio século despois: “A ese non o podedes matar hoxe. Matádeo mañá”.

207-elixio-rodriguez.gifDespois de moitas peripecias que o habían levar a recrutarse na Lexión para eludir o cativerio (os presos políticos alistados na Lexión eran utilizados como escudos humanos) e a ser oficial de aviación do exército franquista, Elixio Rodríguez acabou desertando tras liscar cun Breguet XIX co que aterrou en Xibraltar e de onde pasaría, tras eludir varias tentativas de asasinato en Marrocos por parte de sicarios falanxistas, á zona republicana en Valencia. Alí, tras certos malentendidos fatais, tamén sería condenado a morte acusado de espionaxe. De novo a sorte xogaría ao seu favor. Na tardiña do día antes do seu fusilamento tivo a fortuna de albiscar dende a xanela do calabozo a un antigo compañeiro de seminario que non vía dende a infancia e a quen avisou a berros da súa situación. O Coíño, que así se chamaba o compañeiro, moveu Roma con Santiago, e puxo ao corrente da situación ao mesmo Castelao, quen acadou un xuízo xusto para Elixio despois de espertar ao presidente da República, Indalecio Prieto, ás tres da madrugada (o fusilamento de Elixio estaba previsto para as seis).

Despois habían vir experiencias como os campos de concentración para refuxiados en Francia, a travesía cara ao desterro no Ipanema ou o exilio en México. Paga a pena demorarse en calquera delas coa lectura clara e chá que brinda Matádeo mañá, unha aposta máis que recomendábel.

Eu quedo coa imaxe do Elixio a bordo do Breguet XIX, abandonando unha posición doada e cómoda nas ringleiras do exército vencedor para ser fiel aos seus ideais. Nese voo, Elixio pasou por riba da Serra de Ronda co seu avión a máis de 4.000 metros de altitude para evitar esnafrarse contra o Mulhacén (non tiña mapas e a visibilidade era moi deficiente); levaba por roupa de abrigo tan só unha camisa e pilotaba un aparello de cabina descuberta. A visión do Mediterráneo e o Penedo de Xibraltar mentres parolaba coa súa coñecida a morte, desta vez en forma de conxelación inminente, expresa cunha potencia irresistíbel a aposta pola liberdade deste home que naceu con máis vidas que os gatos.

209-breguet-19.gif

Chúzao | del.icio.us

Non hai Comentarios »

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>