A vida coma unha congostra de cascallos
xosi @ 09:32
Hai uns días, atopei en Manual de lecturas rápidas para a supevivencia uns versos de Laura Giordani sobre os nenos mineiros que lle socavaron bágoas ao meu rostro de cotío pétreo. “Xenreira de verte fendendo nesa pulseada a morte coa pedra, roubándolle rigor ata facerte fochanca, chaga. As túas mans moen, demolen, esmiúzan os ósos do mundo. Non de trasnos o po que arrasa os teus pulmóns: soldadiños de chumbo viaxan polas túas veas desvelando bosques somnolentos. Neno pena, neno maza, en moegas vai o teu sangue ata a infancia dos volcáns, cara a reinos de fadas negras, minerais; alí onde o mundo agacha o fume das caídas e todos os cascallos do dano”. Son bos versos, teñen forza e coraxe panfletarias sen renunciar á alquimia verbal da boa poesía. Falan de algo que a arte de versificar, sobre todo nestes tempos no que a verba poética está a alambicarse cara a extremos tan insospeitados como inaccesíbeis para o meirande da humanidade, non adoita tocar: a dor humana.
Falan estes versos do que a xornalista Pilar García del Pozo denunciaba en 2005 nun artigo no que dicía: “Mergullados nas entrañas do inferno dende a súa máis tenra infancia, arrastran os seus pequenos corpos por estreitos túneles, escuros e perigosos. As súas mans convértense en improvisadas ferramentas coas que recollen pedras ou escarvan a terra durante longas xornadas. Colocan explosivos e carrexan pesadas cargas. Estímase que un millón de nenos traballan na minaría e nas canteiras en todo o mundo. O meirande non cumpriu os dez anos… Non teñen xoguetes, nin van ao colexio; traballan sen horarios nin dereitos. Só coñecen unha obriga: contribuír á subsistencia familiar coma se fosen adultos, privados de educación e en prexuízo do seu desenvolvemento psicolóxico, físico e emocional. En contacto con gases tóxicos, de cotío sofren canseira constante, problemas musculares e de lombo, roturas de extremidades e feridas graves debido ás caídas e ás cargas excesivas que teñen que transportar e que non son acordes co seu desenvolvemento corporal”.
O dos nenos, e nenas, que traballan na minaría non é un invento de agora. Aínda que é unha tradición case tan vella como a humanidade –cun dos seus exemplos meirandes no espolio do cerro rico de Potosí polas gadoupas do imperio español- foi a Inglaterra da revolución industrial, no século XIX, a que levaría esta práctica ata o paroxismo. Non en van, os corpos miúdos dos nenos e das nenas eran os que mellor se adaptaban á angostura das galerías das que unha sociedade adicta ao vapor extraía o carbón que precisaba para manter o seu ritmo febril de crecemento. O propio Benjamin Disraeli, primeiro ministro británico entre 1874 e 1880, describía o traballo dunha nena mineira “...espida ata a cintura, durante doce e ás veces dezasete horas diarias, tira axudándose de mans e pés dunha cadea de ferro que, suxeita a un cinto de coiro, arrastra entre as súas pernas enfundadas en pantalóns de lona, para transportar cubetas de carbón que saen dos camiños subterráneos, escuros, retortos e enlamados: circunstancias que semellan ter pasado inadvertidas para a Sociedade para a Abolición da Escravitude Negra”. Estas nenas adoitaban a comezar a súa carreira nas minas con pouco máis de cinco anos. Normalmente, os nenos e nenas que traballan na minaría, onte e hoxe, non chegan aos corenta: a silicose encárgase de aforrarlles os sufrimentos que padecerían de alcanzar idades máis avanzadas co corpo e os pulmóns desconxuntados por un traballo tan brutal e inhumano, mesmo para os adultos.
Non podo rematar este artigo sen ter unha lembranza para un neno de comezou a traballar aos doce anos na canteira de Padrón, na parroquia de Vilareda (Palas de Rei). Era unha canteira de pedra a ceo aberto da que hoxe só fica unha fochanca infestada de toxos e xestas. O capataz era asturiano e tiña dúas máximas: a primeira era que a maza debía caer do ceo coma se fose un raio para fender a pedra; a segunda, que se un non podía cunha rocha pedise sempre axuda a outro para non lesionarse. Era un bo capataz. Se non recordo mal, pagaban a tres pesetas a hora e traballábanse oito horas diarias. O xornal redondeábano e quen aguantaba o día completo levaba para a casa cinco pesos, que daquela (anos cincuenta) eran uns cartos. O neno do que falo era dos que termaban a xornada completa e gañaba ese diñeiro. Non lle fora mal na escola, mais, sendo como era o menor de seis irmáns, a continuación dos seus estudios consistiu en coidar das ovellas da casa, co que axudaba á familia pero non levaba un patacón aos petos. Así que para el a canteira foi unha bendición e ten esa experiencia entre as mellores da súa infancia. Chamábase Andrés e é meu pai.

Chúzao
del.icio.us







Un Comentario »
Hola Xosi: me ha encantado ver mi poema en lengua gallega y te agradezco, de corazón, tu reseña. He puesto en mi blog el poema en gallego con un link a tu blog.
Gracias!
Un abrazo.
Laura.
Deixar un Comentario