Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

197-into_the_wild_movie_poster.gifTeño nas mans a versión española do libro Into the Wild (Edicións B, colección Zeta Bolsillo), de Jon Krakauer, no que se baseou a película homónima dirixida por Sean Penn. Ambos, libro e filme, estreáronse nestes lares como Cara a rotas salvaxes. Os dous devoreinos coa paixón que me merecen aquelas testemuñas que nos lembran que o extraordinario é posíbel nas nosas vidas, tan enfaixadas en clixés e comodidades. Into the Wild –utilizo o título orixinal para respectar ese Wild con maiúsculas, que na versión orixinal rescata o sentido que lle deron pioneiros da liberdade como Henry David Thoureau- narra a historia real de Christopher Johnson McCandless, fillo dunha familia acomodada de Washington que, no verán de 1990, tras graduarse na Universidade de Emory (Atlanta), doou a unha ONG os 24.000 dólares da beca que tiña para continuar os estudios, abandonou o seu coche, queimou os cartos que levaba nos petos, e botouse á estrada. Durante dous anos, percorrería de norte a sur e de leste a oeste os Estados Unidos baixo o pseudónimo de Alexander Supertramp; o final da súa odisea vagabunda remataría nas terras salvaxes de Alasca, onde sobreviviu nun autobús abandonado alimentándose do que cazaba ata que unha serie de descoidos fixeron que o seu periplo tivese un desenlace fatal.

198-sean-penn-jon-krakauer.gifPersoalmente, e aínda que o filme está moi ben e levou moi boas críticas –amais dun Oscar ao mellor actor secundario, para Hal Holbrook-, o que me fascinou de verdade foi o libro. Nel, Jon Krakauer, montañeiro e escritor, aventureiro e adepto a ese Wild con maiúsculas co que intitula a súa obra, fai unha indagación sen fendas na vida de Chris McCandless e de toda a xente e circunstancias que o arrodearon, seguindo paso a paso o seu itinerario e, o que é máis difícil, pescudando nos currunchos da súa alma para comprender ese pulo, esa chamada ineluctábel cara ao Salvaxe. Iso levarao a tallar, como fixera Alexandre co nó gordiano, o debate que suscitara a peripecia de 201-mccandless.gifMcCandless, dacabalo entre os que o consideraron un idealista irresponsábel e sen experiencia para sobrevivir nos eidos inhóspitos de Alasca, e os que o trataron reverencialmente como unha referencia de liberdade e determinación. Krakauer irá alén desta dicotomía maniquea ao tocar fondo non só na historia persoal de Chris McCandless, senón ao retornar tamén ao seu propio pasado, cando a paixón da adolescencia o levou a el mesmo a proporse retos que lle puxeron preto de máis o recendo da morte. A calidade da crónica e a fondura co que trata o tema tras crebar o lazo superficial que todos coñecemos, fan que a lectura de Into the Wild sexa máis que recomendábel, sen que desmereza o filme, por suposto, que tamén está moi ben.

199-mccandless.gifQue ambas obras me fascinasen tanto débese a que eu tamén tiven unha adolescencia con arrebatos semellantes. Into the Wild fixo que volvese resoar nos meus oídos a chamada do Salvaxe. Eu, como McCandless, tamén tiven durante moitos anos ao Walden de Thoureau como libro de cabeceira. Os meus retos non pasaban por sobrevivir en Alasca como o mozo norteamericano. En plena adolescencia e coa cabeza chea de fantasías, orientei a miña vida para ser correspondente de guerra. Funme a Euskadi a estudiar Ciencias da Información, coa intención de aprender árabe e especializarme en política internacional para poder traballar como xornalista en Oriente Medio onde, estaba certo, non me había faltar traballo. Pasou que en primeiro de carreira coñecín á que hoxe é a miña muller e mai do noso fillo (desculpas polos posesivos, procuro non tomalos á tremenda...) e os meus esquemas esfareláronse como a cinza dun chamizo apagado. A partir de entón, aquelas grandes distancias onde situaba as miñas arelas de liberación, pasaron a ser leguas de soidade e anguria; mesmo os quince quilómetros que afastaban Palas de Rei de Melide antollábanse un abismo ominoso. Para ese verán, fiel aínda a aquelas ideas que xa estaban en franco divorcio co que sentía o meu corazón, organicei unha viaxe en autostop que me debería levar aos Balcáns, daquela en 200-eu.gifestado de guerra, ou a Turquía, con tan só 5.000 pesetas no peto. Aínda lembro o baleiro e a tristura fondísimos que me aguilloaron na estación ferroviaria de Lugo pouco antes de partir. Aquela viaxe que ía ser o meu pasaporte cara a un destino soñado e degoirado mil veces parou na fronteira francesa –antes e despois de pasar por Barakaldo, Barcelona, Figueres, La Jonquera, o deserto dos Monegros, Aranda del Duero, Valladolid- onde decidín recuar e volver para abrazar a aquela muller coa que quería compartir a miña vida. De aí a querer abandonar a carreira para dedicarme á literatura, só houbo un paso. Se cadra non tiven a coraxe e afouteza de McCandless, mais se me desen a oportunidade de volver á fronteira de Francia para poder retomar aquela aventura creo que, de seguro, volvería coller o billete de volta cara a Melide. A peripecia vital de McCandless engaioloume, rememorou de xeito vívido unha parte de min que me aleda non ter esquecido e, se cadra, calquera día aproveito para facer unha escapadiña ao Courel. Non é Alasca, mais dá para sentir “o pouco que é un home” (Novoneyra dixit), e iso a min abóndame.

Chúzao | del.icio.us

Un Comentario »

#1

Sempre nos quedarán obras como as que dis para vivirmos vidas que non vivimos.

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>