Os pericos e Forrest Gump
xosi @ 08:08
Pecho os ollos e só vexo lunares verdes. Ábroos, e o mesmo. Están por todas partes. Madia leva despois de apañar trinta quilos de pericos, que así chamamos na Terra de Melide aos chícharos ou ervellos, tal e como amentan noutras bisbarras ao Pisum Sativum. E aínda tiven sorte, que mos debullou tía Hermitas. Eu só tiven que arrincalos da planta e repasalos antes de metelos no conxelador. Nesa tarefa investín todo o tempo libre da última semana, e aínda teño unha bolsa na neveira agardando a que lle boten unha ollada.
A colleita foi moi boa, a pesares de que moitas casulas podreceron ou secaron. Trinta quilos en pouco máis de vinte metros cadrados non está mal, sobre todo se temos en conta que utilicei unha variedade comercial de mata baixa, a Lincoln, que adoitan producir menos que as castes máis grandes. A cousa ten a súa explicación. Lembrades o episodio de Forrest Gump coas gambas? Tras investir os 25.000 dólares que lle deron por promover unha marca de raquetas de ping pong, Forrest apostou todos os seus cartos na compra dun barco para dedicarse á pesca deste crustáceo coa intención de facer realidade os soños do seu amigo Bubba, morto no Vietnam. Asociado ao tenente Dan, nos primeiros meses de traballo non sacarán máis ca redes baleiras ou cheas de ferralla. Cando todo semellaba ser unha ruína, botáronse un bo día á mar e foron sorprendidos polo furacán Carme, que arrasou con toda a flota que estaba amarrada. Como o Jenny, que así se chamaba o barco, foi o único que quedou en servizo, a partir de aí Gump e Dan pescarán gambas a esgalla e faranse millonarios.
Cos pericos, eu síntome un pouco como ese parvo con sorte que era Forrest Gump. Mentres que ao resto dos meus veciños as pegas marxas (Garrulus Glandarius, latinismo que no galego e no portugués derivou en gaio e no castelán en arrendajo) lles peteiraron boa parte da colleita de pericos, a min respectáronma. O truco, se é que lle podemos chamar tal, foi non ter tempo para mimar a plantación e mantela bastante descoidada. Iso fixo que medrasen unhas malas herbas máis grandes cás propias plantas dos pericos. Estaba convencido de que, por mor diso, ía ter unha produción ruinosa. Mais non. Sorprendentemente, a maraña de adventicias fixo de parapeto natural para defender aos pericos dos ataques da paxarada e, por se non abondase, as malas herbas máis grandes fixeron a función de titores polos que treparon as leguminosas. Chamádeme parvo con sorte, xa que logo, ou achacádello á boa estrela do principiante, pero ata os meus sogros se sorprenderon ao ver entrar tantas caixas de pericos na casa.
Tirando aínda máis da manta de Forrest Gump, tamén me sentín estes días como o Bubba naquela escena cuartelaria na que recitaba miríades de receitas a base de gambas. Na nosa casa, aconteceu algo semellante cos pericos. No que vai de semana, comémolos con luras, en ensalada de verduras, con tenreira, en paella, con cuscús, en sopas, nunha caldeirada de congro, etcétera. E é que así fresquiños, acabados de apañar, teñen un sabor tan intenso que dá mágoa metelos no conxelador. Agora mesmo, estou a matinar como cociñarei a seguinte quenda.

Chúzao
del.icio.us









Non hai Comentarios »
Deixar un Comentario