Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

188-zapatero-e-rajoy.gifNon foi nin de Torres, nin de Arshavin, nin de Ibrahimovic, nin de Ballack. O gol máis espectacular, en plena efervescencia da Eurocopa, foi o que lle marcaron aos pobos de España os deputados do Congreso ao aprobar o Tratado de Lisboa por 322 votos a favor, 6 en contra e 2 abstencións. Evidentemente, en cuestións deste calado, PP e PSOE –xunto a outros partidos da dereita como CC, PNV ou CIU- votan harmoniosamente xuntos, case que coma unha parella de bailaríns namorados con moitas máis cousas en común ca diferenzas que os afasten, soñando, se cadra, cun mundo bipartidista no que o seu amor non se vexa esborranchado pola presenza de terceiros. Os votos en contra foron dos de sempre: IU, BNG e ERC. Este histórico golazo tan só mereceu unha nova secundaria a dúas columnas no xornal de maior tirada do noso país, La Voz de Galicia.

186-free-europa.gifComo ben sabemos, o Tratado de Lisboa foi a argallada dos tecnócratas comunitarios para sacarse a espiña cravada de non poder tirar para adiante co seu proxecto de Constitución Europea, que recibiu algún ca outro referendo –nomeadamente os de Francia e Países Baixos- como letais torpedos na súa liña de flotación. Desta vez, os referendos están considerados prácticas perniciosas e basta con que o Parlamento de cada país dos 27, a ser posíbel sen moito rebumbio, ratifique o texto. Foi o que aconteceu en España días antes da final contra Alemaña.

185-non-tratado-lisboa.gifEn Irlanda, no entanto, e a pesares das presións da Comisión Europea, preguntáronlle ao seu pobo. Debeu ser que a selección verde non se clasificou para a Eurocopa, que os irlandeses tiñan mellores cousas que facer e deron en cavilar que mellor era dicir non, como xa fixeran antes en Holanda. Tamén unánimes en demasiadas ocasións, os medios de comunicación europeos e patrios deron en aclarar que eses illáns retrógrados e nada cosmopolitas ás penas representaban o 1% da poboación europea, ou o que é o mesmo, que se pasaban polo forro o seu referendo.

Así as cousas, e porque nós si que somos europeos, damos un paso á fronte, coa cabeza ben erguida e orgullosos, para que as multinacionais e a patronal utilicen como papel de váter o dereito a un traballo digno e ben remunerado do que gozamos por escrito dende 1979 (as constitucións, como os contos de fadas, axudan a manter a ilusión e a crer nun mundo mellor, que non é pouco). Iso do dereito a un traballo digno é cousa do pasado. Agora, o que mola nesta Europa sen fronteiras nin bandeiras na que todos somos irmáns é a xornada de traballo semanal de 192-proletarios.gif65 horas (podería ser que a reforma do bacharelato buscase futuras xeracións incapaces de dividir 65 entre 7). Iso si que é adaptarse aos novos tempos, e non coma eses nostálxicos que aínda cisman, en pleno século XXI, por traballar só 48 horas á semana ou, como máximo, oito por día cunha xornada de descanso semanal, unha conquista social de 1917, é dicir, demodé. Nostálxicos e, ademais, preguiceiros, como debían ser os miles de obreiros e obreiras que morreron dacabalo dos séculos XIX e XX para conquistar ese dereito (algún, por non traballar, ata sacrifica a súa propia vida). Nostálxicos, preguiceiros e desagradecidos, habería que puntualizar, pois agora vanlles meter as 65 horas semanais sen que teñan que derramar nin unha pinga de sangue nin erguer barricadas nas rúas. Ese dereito vano conquistar por eles os seus políticos nos parlamentos, o dereito a traballar máis de doce horas ao día e seis días á semana. Non sexamos fachendosos; se a Deus lle chegou o domingo para descansar despois de crear o universo, tamén nos chegará a nós para recuperarnos das nosas cativas ocupacións, ¿non si?

189-consumismo.gifDe pequecho, odiaba as sesións de flexibilidade nas clases de Educación Física. Daquela, non sabía que hoxe me serían de grande utilidade para adaptarme sen transos á flexibilidade laboral que vai ser o máis in do in. Eu teño a miña teoría absurda e anticientífica para explicalo. A clase obreira dos países ricos está condicionada dende o berce a relacionar a calidade de vida cun alto nivel de consumo. Para consumir, necesita máis cartos dos que gaña e hipotécase, que é unha maneira de venderse en corpo e alma á banca. Unha vez hipotecados xa podemos ter un bo coche, pasar as vacacións na praia ou ver materializado o dereito a unha vivenda digna so pena de estar pagando xuros máis alá da idade de xubilación, ou o que é o mesmo, de por vida. A partir de aí, a banca, que todos sabemos en que bando xoga, lexitimada polo Banco Central Europeo, vai facer as nosas delicias coa 190-crises-what-crises.gifbrincadeira da montaña rusa dos tipos de xuro. Subimos unha décima por aquí, e x millóns de familias xa non dan chegado a fin de mes. Subimos un pouco máis, e x millóns de traballadores van pedir de favor poder traballar doce horas ao día para poder chegar a fin de mes, baixamos e volve a febre consumista e o proletariado hipotécase máis aínda, volvemos subir o suficiente para provocar unha crise e mandar uns cantos millóns ao paro e temos man de obra desesperada para facer e aceptar o que se lles pida e ao prezo que sexa. Que se preparen eses escravos de Asia, África e América Latina que nos están a quitar o traballo. A clase proletaria hipotecada de Europa inicia o contraataque para defender coa súa vida o dereito a un nivel de consumo digno...

192-proletario-el-roto.gif

Chúzao | del.icio.us

Un Comentario »

#1

Non queremos ser obreiros e queremos ser consumidores e así nos vai, como ben explicas.

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>