Luthea Salom: así baten ás os anxos
xosi @ 09:03
Sinceramente e falando mal: non me importa un carallo que Luthea Salom estea no i-phone de Lou Reed, que fose teloneira de Norah Jones, que compartise táboas con Emmylou Harris, ou que o seu último álbum fose producido por Malcom Burn do mesmo xeito ca outros artistas da talla de Bob Dylan ou Iggy Pop. E non me importa porque, despois de vela e escoitala no Cantón de San Roque de Melide (5 de xullo, Festival das Artes e das Letras), creo que Luthea Salom se basta por si mesma para engaiolar coas súas cancións a quen a escoite.
Luthea chegou a Melide acompañada tan só da súa guitarra acústica, sen as defensas que tería de xeito natural se interpretase as súas composicións parapetada tras unha batería, unha guitarra e baixo eléctricos e un teclado, que son os instrumentos principais que dan corpo ao seu último traballo discográfico Sunbeam surrounded by winter (Raiola arrodeada de inverno). E de non ser pola definición cristalina que as seis cordas lle daban ás cancións, mesmo lle sobraría a guitarra, pois teríalle bastado a soberbia voz a capella da que fixo gala para meterse ao público no peto. Axuda a este panexírico sen reservas terlle estudiado, previamente, a tradución das letras, sinceras e descarnadas, con metralla poética e groso calibre literario, que me fascinaron. Para quen non as entendese, a cantautora canadense papouse as distancias grazas ás experiencias vitais que compartiu connosco entre canción e canción.
En calquera caso, a actuación de Luthea Salom en Melide foi un bater de ás de anxo polo celestial e polo efémero, se cadra demasiado efémero. Que o concerto durase ás penas unha hora fíxonos ficar a moitos co mel nos beizos. Púidose deber, sospeito, ao frío que pasou a pobre, que propiciou unha das anécdotas da noite ao ter que sepultar as franxas vermellas e brancas da súa camiseta baixo un groso xersei de la, e fixo devir en referente real o título do disco que anda a presentar. Fica na memoria do meu corazón ter podido escoitar nun íntimo directo Accidents e Nobody’s ready. A miña cleptomanía verbal galopante fixo que non puidese resistir a tentación de levarme para a casa un anaco da primeira: “...alive to see this world inside / is all we got, / neither god nor love can make us be / at peace with it...”, ou o que é o mesmo, “...viva para ver que este mundo interior / é todo o que temos, / e que nin o amor nin a relixión poden facer que fagamos / as paces con el...”. Roubeino na tea dunha camiseta, xunto con dous bicos de Luthea que, aínda que non se vexan, ficaron rexistrados na caixa negra das miñas fazulas.


Chúzao
del.icio.us







Non hai Comentarios »
Deixar un Comentario