Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

178-marcos-teira.gifA pesares do frío, e afortunadamente sen auga, arrincou o Festival das Artes e das Letras de Melide, na noite do 4 de xullo, cun concerto do Marcos Teira Cuarteto, no que esta formación musical compostelá debullou o seu jazz fusionado con flamenco ao redor do guitarrista pobrense que dá nome ao grupo. Cunha sección rítmica eminentemente jazzística, con Alfonso Calvo no baixo eléctrico e contrabaixo, e Luís Alberto Rodríguez á batería; e a parte flamenca representada polo propio Teira; o cuarteto tivo a Pepe Sendón como unha especie de intersección de diagrama de Venn que desequilibraba o son a favor do jazz ou do flamenco segundo conviñese, cambiando do vibráfono ao caixón afroperuano para acadalo e indo, xa que logo, da sofisticación sónica do primeiro ao ritmo rancio e primitivo do segundo cando as composicións así o esixían.

177-marcos-teira.gifNon hai dúbida de que o son viraba ao redor da guitarra de Marcos Teira, unha especie de neonato do Mediterráneo que se viu na Pobra do Caramiñal por erro, ou se cadra un barbanceiro que tivo a ben rescatar sen menoscabo os sons do sur para este extremo do noroeste atlántico. Teira cribou de virtuosismo o mastro e cada unha das seis cordas da súa guitarra, zumegando un marcado sabor a salitre, especialmente en certos arpexos que semellaban auga mariña lambendo as areas dunha praia ou efémera xerfa vestindo de encaixe a pedra dos cantís, quen sabe se os da Punta de Cabío, que así se chama o primeiro disco do grupo. Tamén houbo melodías tradicionais da terriña que lle liscaron entre os dedos no medio de tanto tango, rumba, fandango e siguiriya. Todo arroupado por Calvo, Rodríguez e Sendón, que non ficaron á zaga e encravaron as notas guitarreiras encol dun pedestal de luxo.

O concerto do cuarteto formou parte da xira que está a levalo por toda Galiza dende o 5 de xuño para presentar o seu segundo traballo, Alí, así chamado en homenaxe ao músico maliano Alí Farka Toure, que faleceu hai dous anos. Desta maneira, o Cantón de San Roque de Melide serviu de escenario para a música de fusión de Teira como o fixeron, recentemente, o Teatro Principal de Compostela ou o Teatro Jofre de Ferrol. Por certo, souben que Marcos Teira ten intención de volver a Melide antes de que remate o mes, mais será como espectador e non como músico. Farao o vindeiro domingo, 13 de xullo, para asistir á actuación de Agarimos del Sur, ás 21:30 horas na Praza do Convento, tamén no marco do Festival das Artes e das Letras. Aí estaremos.

179-marcos-teira.gif

Chúzao | del.icio.us

Non hai Comentarios »

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>