Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Pecados futboleiros

xosi @ 07:51

Nestes días de paixón futboleira desbordante quero facer deste blog un confesionario no que compartir convosco dúas faltas que, sen chegar a atormentarme, aí están aguilloando o meu sentido autocrítico para solaz do superego e cilicio de calquera satisfacción que houber ao respecto.

169-escudo-castelao.gifA primeira ten que ver coa miña condición de nacionalista galego convencido e de seareiro da selección española de fútbol. Tal contradicción ten a súa orixe nun trauma adolescente acontecido o 21 de decembro de 1983. Daquela aínda vivía en Barcelona, e para min Galiza pouco máis era que o concello de Palas de Rei e a parroquia de Vilareda, onde residía a familia dos meus pais e onde pasaba as vacacións do verán. Ese día, a selección española de fútbol acadaba o imposíbel. Obrigada a gañar por once goles de diferencia a Malta para poder clasificarse para a Eurocopa do ano seguinte, endosáballe un milagreiro 12 a 1 que aínda teño gravado na memoria, como gravado teño aquel campionato no que a equipa de Santillana, Gordillo, Arconada, Rincón, Señor e compañía deu chegado a unha final que perdeu inxustamente contra Francia. E dende aquela, oes, non podo evitalo. Só me pasa coa selección española de fútbol. Procuro non perderme ningún partido dela, sexan de Eurocopa ou de Mundial, vívoos cunha fe apaixonada e levántanme dun chimpo do sofá cada vez que o balón morde as mallas da portaría contraria. Imaxinade, xa que logo, como vivín estes días. Iso si, a única bandeira á que lle teño un aquel polo que significa para min é esa que encol da banda azul loce unha serea sostendo o escudo no que se pode ler “Denantes mortos que escravos”. A imaxe que vedes é unha variación cariñosa a partir do deseño de Castelao e feita ex profeso para animar á selección galega de fútbol na que a fouce e a estrela deviñeron en esférico e os escravos en goleados. I have a dream, meus, e é poder ver algún día á nosa selección xogar con esoutra rojigualda que hoxe fachendea dende a cima dun dos poucos cumios coroados no seu historial. E, de ser posíbel, sen monarcas no palco de autoridades...

172-zafu.gifO segundo pecado futboleiro ten a Breixo como protagonista e nace da miña desidia á hora de sacralizar calquera obxecto por moita estima que lle teña. Son practicante de meditación Zen dende hai uns quince anos. O zazen, que é como se coñece esta disciplina, consiste en algo tan inxel e imposíbel como sentarse e non pensar en nada, contemplando o teu corpo, a túa respiración e os pensamentos que liscan desa calma tan difícil de acadar. Para sentarte a meditar, só necesitas un zafu, que é un coxín especialmente deseñado para esta fin, e un zafutón, que é a base sobre a que asentas. Evidentemente, un zafu non é calquera cousa. Os mestres zen din que “o zafu é un obxecto altamente prezado e respectado no Zen. Non é un coxín vulgar, senón o asento de Buda”. Esa é a razón pola que se nos insiste en tratar ao noso zafu case con veneración. Mais iso, no meu caso, é imposíbel. Adoito meditar a primeira hora da mañá. Despois, coa mente limpa como unha patena, escribo ou leo. Unhas 171-breixo-co-zafu-2.gifhoras despois, Breixo acorda e comeza a miña xornada de amo de casa. O primeiro que fai Breixo ao ver o zafu é levar o índice á boca e soprar, que é a súa maneira de dicir “balón inchábel”. Acto seguido, líase a patadas co zafu e a berrar “¡Gol! ¡Gol!” coma un poseso. Entón eu comezo coa miña pantomima dun falso e histriónico alporizamento no que lle fago ver que o que está cosendo a couces non é un balón, senón un zafu, e quítollo dos pés. E así todos os días. Poderedes dicir que o único que teño que facer é non terlle o ditoso asento de Buda á vista cando o ergo. Mais, dese xeito, perderíame esa escena que tanto me fai rir e gozar. A pesares do que vos contei sobre o zafu, o Zen é unha disciplina moi pouca dada a sacralizar nada, e entre o seu anecdotario atopamos a simbólica historia dun monxe que un día, aterecido de frío na súa cela, botou ao braseiro unha estatua de Buda de madeira para facer un bo lume e entrar en calor. Cada patada de Breixo no meu zafu actualiza esa historia que nos di que, ao fin e ao cabo, o que importa é a práctica e o traballo persoal por riba de calquera símbolo ou tradición.

Xa que de fútbol e pecados vai a cousa, non podo rematar sen revivir para a posteridade a celebérrima cita do inefable José María Caneda para quitarlle ferro a estas confesións que non vos falaron doutra cousa que de "pataca minuta".

Chúzao | del.icio.us

Non hai Comentarios »

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>