A culpa ha ser da primavera
xosi @ 07:14
Agora que está a piques de rematar a primavera, quixen rescatar un par de imaxes desas que expresan o aserto tradicional de que esta época do ano o sangue altera. A primeira das imaxes, xa que logo, corresponde a unha parella de cus roxos (Phoenicuros ochuros) flirteando. Ela, a de cor pardo cincento, semella ser quen leva a voz cantante. El, o de cor negra, escoita. É de supor que nas inmediacións teñen un niño pois, en concreto, a femia foi unha visitante asidua do noso xardín durante todo o inverno. Tal e como acontece no mundo dos humanos, de seguro que foi ela quen soportou o meirande do peso do fogar –os amos e amas de casa sabemos ben que o fogar pesa-, mentres que ao señor non se lle vía unha pluma. Só os cachei facendo vida de parella coa chegada da primavera. Dun tempo a esta parte, o que é difícil é non velos xuntos.
Outra imaxe que me sorprendeu, e que tamén atribúo ao espírito primaveral, foi atopar La siesta, de Celedonio Perellón, na contraportada de El Correo Gallego. Pareceume unha pintura soberbia, pura beleza, na que o artista foi quen de expresar unha nudez absoluta, xa que á evidente do corpo úneselle a limpa conciencia de quen dorme, ceibe de calquera atranco psicolóxico ou cultural e emancipada das redes do raciocinio. Máis que pola obra en si, a sorpresa foi o seu soporte. Estou convencido de que a primavera tivo moito que ver nesta refolada liberadora dunha das nosas publicacións máis reaccionarias. Non en van, as datas da súa impresión e publicación coincidiron cos primeiros días de sol despois dese maio chuviñoso ata a teimosía. Se cadra, o conservadurismo habería que buscalo no pobre comentario respecto da obra de Perellón que fixo Xurxo Fernández na súa sección La rosa de los vientos. A xeito de atenuante, cómpre recoñecer que cinco liñas non dan para moito.
Non sei se vos pasa a vós, pero eu sinto como o meu corpo ferve cando veñen eses primeiros días de calor que anteceden ao verán. Teño unha lembranza indeleble dos maios no instituto de bacharelato de Melide, cando o clima mudaba, de socato, a estival. Non nos paraba o cu no asento dos pupitres. Normalmente, latabamos a clase o día enteiro, forneciámonos de bocatas, e baixabamos a pé ata o río Furelos, daquela aínda indemne do feísmo paiofoco co que a travestiron os políticos do PP. Naqueles tempos, a herba chegaba xusto ata a beira mesma e tiñas unha escada artesanal de madeira para volver a terra. Bañabámonos espidos, e espidos secabamos os nosos corpos mollados ao sol. Unha imaxe tan potente e luminosa, tan cargada de sensacións e de vida, como para poñer saudoso a alguén que, coma min, xa dexerga, ao lonxe, un estadio vital chamado vellez. Axudan á nostalxia que houbese politicastros que destruísen ese espazo tan caro á miña memoria e que o meu corpo xa non estea para soportar as xélidas augas do Alto Ulla que tan cálidas lle resultaban a aquel adolescente nu.

Chúzao
del.icio.us







Non hai Comentarios »
Deixar un Comentario