Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

O ladrón de palabras

xosi @ 09:24

155-ladron.gifCanda neno, unha das miñas máximas aspiracións era chegar a ser, algún día, ladrón. Si, ladrón. Aquel rapaz emigrante na Barcelona dos oitenta que eu era, tiña por lecturas de cabeceira as andanzas de Arsène Lupin, o ladrón de luva branca imaxinado por Maurice Leblanc; e as páxinas de Raffles, o príncipe daqueles que viven de facer seu o alleo, ideado por Ernest William Hornung. Tamén quixen ser detective, como o Sherlock Holmes de Conan Doyle, e mesmo pirata. Pero a socialización, a escola, e outros procesos polos que unha persoa acaba vindo ao rego do que se agarda dela, fixeron que planificase a ganancia do meu pan por medios menos deostados como foron o xornalismo, o xadrez ou a cerámica.

Mais nas voltas que dá a vida, velaí que me volve a teima por pecar contra o sétimo mandamento. Recaín o 31 de maio n’Agolada, cando me fixen cos versos manuscritos que Xosé Vázquez Pintor lle dedicou aos Pendellos. E volvín reincidir o pasado 7 de xuño, na homenaxe que se lle rendeu ao escritor do Furelos, do Arnego e do mar de Cangas. Na miña defensa, alegarei que fun incitado por un grupo de blogueiros-seareiros agoladenses que viñeron arroupar a Pintor. Eles foron quen me pediron que me fixese co discurso laudatorio que a alcaldesa de Melide, Soqui Cea, lle dedicou ao homenaxeado ao bautizar co seu nome a biblioteca municipal. Basta que mo pedisen eles para que fose ese mesmo día ao baúl dos recordos, collese o meu antefaz, e me lanzase co saco ao lombo para facerme coas verbas escritas da rexedora melidense. Velaí as van:

152-soqui-pintor.gif"Prezadas amigas, prezados amigos.

Benvidas e benvidos a este concello que se comprace de converterse nunha data tan especial, e aínda que só sexa por un día, na capital das letras de Galiza. E é que hoxe nos reunimos en Melide para homenaxear a Xosé Vázquez Pintor: poeta, dramaturgo, narrador, ensaísta. Mais tamén melidense de berce e agoladense e cangués de adopción, categorías estas, as xentilicias, tan importantes na súa historia persoal como calquera das moitas disciplinas literarias nas que o noso escritor do Alto Ulla fixo gala da súa mestría. E é que Xosé Vázquez Pintor é un escritor de raíz afundida na terra, de raíz cravada nos tempos idos, un deses escritores que con cada palabra que escribe, con cada trazo de pluma, con cada golpe de teclado, lle pon unha nota de cor, un trazo definitorio, unha pinga de luz, á nosa acordanza. Un escritor raíz, velaí o que é Vázquez Pintor; un escritor raíz a espadadas de frescura contra a desmemoria.

Non é casualidade, xa que logo, que esta homenaxe sexa o 7 de xuño de 2008, data na que se cumpre o septuaxésimo quinto aniversario da saída do prelo do Terra de Melide, fito de referencia no mapa da cultura galega cara ao que os melidenses miramos con orgullo, fito co que a Xeración Nós inaugurou un xeito moderno e eficaz de facer escribanía do riquísimo tesouro cultural que tamén nós, xeracións presentes, temos o privilexio de herdar e a obriga e deber de conservar e enxalzar.

Pasaron case oitenta anos dende que un grupo de mozos entre os que se atopaba don Ramón Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Antón Fraguas, Armando Cotarelo Valledor, Loís Tobío ou Vicente Risco, decidiron chantar raíces nos vizosos substratos da nosa cultura para tirar deles o zume que alimenta a nosa conciencia de pobo. Velaí a tradición da que zuga e pola que zuga o noso escritor raíz, o noso escribán. Pois non pode ser casualidade que o seu primeiro libro publicado, o poemario Gándaras, vise a luz en 1971, 38 anos despois do Terra de Melide e 37 anos antes desta homenaxe. Este intre iniciático chantado no xusto medio de tan importantes datas conmemorativas expresa tamén a condición indiscutíbel de Vázquez Pintor como corredor de relevo, como posuidor e custodio da testemuña que nos legaron aqueles que rescataron do desprezo e do esquecemento a nosa intrahistoria; unha testemuña que, necesariamente, deberá ser recollida e velada para facermos terra hoxe, e para facela en tempos futuros. Esa testemuña gardámola coma o máis prezado dos tesouros nesta Biblioteca Municipal de Melide que, a partir de hoxe, levará o nome de Xosé Vázquez Pintor, e non só por ser un dos fillos máis sobranceiros deste concello, senón por, tal e como dixen, por ser relevo e custodio da nosa memoria, da nosa tradición, da nosa conciencia: Unha biblioteca non é máis ca expresión material en papel e andeis do que Vázquez Pintor é en soberbio crisol humano.

Mais o Concello de Melide non só quere homenaxear ao escritor, que é quen está a levar hoxe todos os loureiros. O Concello de Melide quere homenaxear, ademais, á persoa, ao amigo. Persoalmente, coñecín a Vázquez Pintor nun dos espazos máis caros ao seu corazón e exercendo un dos vellos oficios que el recapitulou en dous memorábeis volumes nos que tamén houbo un oco para os cabaqueiros que, dende Furelos e O Leboreiro, tellaron as casas de Melide dende tempo inmemorial. Si, coñecín a Vázquez Pintor haberá hoxe uns oito anos, feireando nos Pendellos de Agolada. Daquel primeiro encontro ficaría un vaso de louza vidrada que andará nalgún andel da casa de Quián ou da de Cangas e, agardo, un oco nese seu mapa emocional que vai trazando de amizades espalladas por toda a xeografía humana da Galiza.

En Melide naciches, Xosé. A Melide volves hoxe como fillo pródigo e sobranceiro. O teu nome nesta biblioteca forma parte dunha merecida homenaxe para termos na memoria a aquel que tanto traballou pola memoria; mais tamén para termos no corazón a aquel que puxo todo o corazón en facer de Galiza unha patria coa palabra, como patria da palabra é e será esta biblioteca, república independente de soños, depositaria do acervo da tribo. Porque a tribo sabe, e a tribo de Melide loa hoxe ao máis alto dos seus bardos".

Un traballo feito. Mais non quería rematar esta entrada sen falar un pouco da homenaxe do sábado. Disque en casa do ferreiro, coitelo de pao. Esa é a razón pola que este xornalista é tan preguiceiro, nos últimos tempos, á hora de facer crónicas dos acontecementos que lle pasan por diante dos fociños, e prefire saldalos cun par de imaxes e un feixe de vagas palabras. Nesta ocasión, o levar como compañeiro de batallas ao Breixo impediume tomar imaxes do evento ou cruzar sequera unhas palabras co amigo de Quián.
151-pedra-pintor.gif
Mais quedei con esa pedra de dúas toneladas que puxeron nos xardíns da capela de San Roque, xunto ao cruceiro máis antigo de Galiza, e cos versos de Xosé Vázquez Pintor gravados para a posteridade a carón dun buxo plantado por el mesmo. Nese acto en concreto, o escritor repartiu entre os máis de cen asistentes unha tarxeta na que viñan escritos un par de poemas, debuxado un mapa esquemático das xeografías do seu corazón, e unha poliña verde, como non, de buxo. En aras de redimirme pola apropiación indebida feita nos Pendellos, fíxenme con tres tarxetiñas como a que vedes na imaxe coa intención de regalar dúas. Esas dúas serán para os dous primeiros blogueiros, ou para as dúas primeiras blogueiras que, tendo participado no encontro de Agolada do 31 de maio, me envíen unha mensaxe a xosimelide@terra.es identificándose e confiándome os seus datos postais. Mangui si, pero un ten o seu corazonciño...
148-tarxeta-pintor-exterior.gif

149-tarxeta-pintor-interior.gif

Chúzao | del.icio.us

Comentarios(9) »

#1
CUCO DE PAMBRE

Amigo Xosi, ante a confesión pública das túas fechorías, non me queda máis remedio que asumir a túa defensa en cumprimento da promesa que che fixen o pasado sábado en Melide.

Para comezar o meu alegato dicir que nos anos da miña profesión nunca asumín tarefa tan sinxela, resultando evidente que ti non es un ladrón de luva branca, senón que es o "Robin Hood do Bocelo", o "Curro Jiménez da Serra do Careón" que non fas máis que cumprir ca túa obriga ao repartir os moitos "tesouros" que vas pillando polos camiños cos pobres coma min. Polo tanto, e aínda que iso poida custarme unha sanción, animarche a que continues o labor que neste intre faime disfrutar do discurso da señora Alcaldesa, aínda que teño que dicir que en directo e coa emoción que desprendían as súas verbas aínda acadaban maior forza.

Na túa defensa contamos con outro argumento que non pode descoñecer o Tribunal, que unhas mans que coidan tan cariñosamente do Breixo non poden facer dano algún.

E para rematar, e como argumento xa definitivo, son testemuña que tanto nos sucesos de Agolada como nos de Melide, fuches "inducido" por un grupo de blogueiros que son os verdadeiros culpables das túas fechorías, polo que deberás coidar as compañías.

Coñecendo os causantes reais dos feitos, e nun ánimo meramente rehabilitador debemos pedir para eses blogueiros como pena a imposición de traballos en beneficio da comunidade: cando levantes as patacas avisaos para que che vaian a axudar. As custas do procedemento, deberán ser impostas aos devanditos blogueiros, e faranse efectivas mediante invitación a unha boa pulpada a próxima “Feira do Doce”, acompañada de bo viño do ribeiro, aínda que as xerras e as cuncas serán da túa achega (desas que tes gardadas nas caixas do fallado) o que nos permitirá a tódalas partes conservar un bo recordo do noso benefactor.
É xustiza.

#2

Non o dubidarei. Cando necesite un avogado, chamareite Cuco. Ata me convenciches a min, que me cría culpable. Oes, estou de acordo con esas penas de traballos forzados e, sobre todo, coas custas do procedemento. Haberá que notifircárllelo aos encausados...

#3
Manuel Busto

Doume por avisado. E acepto a pena que se me impón, se na aceptación voluntaria se me redime de ter que arrincar as patacas coas mans (entereime ese día de que en Cambados moita xente o fai desa maneira, pois a terra é moi farelenta). Asumo a parte proporcional das costas, que libradas en talladas han dar boa conta do cefalópodo gorentoso.
Poño ligazón desta entrada para abundancia do meu último post.
Unha aperta para os que tecedes esa arañeira de boa camaradería. E para o Breixo.

#4

Eiiiii ! Eu xa mandei a miña mensaxe... A ver se chega a tempo, senón seguirei envexándote igual ca antes e agardando no futuro ter oportunidade de facer o mesmo ca ti, ou conseguir que ti o fagas por min, que vexo que te das moita maña ;-))

Biquiños para ti, para o Breixo e para a vosa alcaldesa, que fixo un discurso coma para quitarse o sombreiro ;-)

#5

Pois fuches a primeira en enviarme unha mensaxe. Así que unha das tarxetas de Vázquez Pintor sairá en breve por correo cara á Fonsagrada.

Só queda unha...

#6

Con avogado defensor, acusado e algún culpable xa confeso e dado por notificado, coido que nesta xusta somente falta un secretario que dea fe do ágape que trazades. Presto vos ofrezo a miña pluma para tal menester. Contade comigo no "doce" para espetar as talladas que me toquen en gracia e levantar acta ad hoc
Dura lex, sed lex...

#7

Eu xa non mando mensaxe que supoño que xa recibiches algún.
Un saúdo.

#8

Son agora as 9:50 do martes, 10 de xuño, e aínda hai unha tarxeta de Vázquez Pintor sen dono...

#9

Moitas grazas, Xosi. Agardoa impaciente.

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>