Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Oitava entrega de H

xosi @ 17:01

Non farei declaracións. Esta semana, non. Onte veu á miña casa unha patrulla da Millí Polís. Son boa xente, va que si. Botaron unha parola comigo, como amigos, si, como amigos. Moi corteses eles. O do brazo roto e o ollo morado foi por unha caída parva. Estaba a fregar o andar de arriba, esvarei coa auga, e caín a reboladas pola escaleira abaixo. ¡Mira ti que babecada! Si, xa sei. Os cadáveres tiroteados dos dous activistas de Amnistía Internacional que apareceron no xardín da miña casa dan que pensar. Cadroulle. É que somos porto de mar; haiche moito trallado na pesca de altura. Pasan medio ano no gran sol, desembarcan no porto de Millí, e chimpan o primeiro que teñan a tiro, unha prostituta ou un sindicalista, tanto lles ten. Os catrocentos cascos de bala tamén teñen a súa explicación. Douscentos por barba. Pura matemática, doado de entender. Se cadra o langrán que o fixo non anda á pesca do bonito e trafica con armas. Dan máis pasta. Algo pareceume oír, pero tiña os cascos postos con ZZ Folk a todo volume. Así que non sei nada. Aínda que me mates, non che podería dicir nada. En calquera caso, en Millí estamos protexidos e amparados polos mozotes do corpo de policía. Xente san, oes, xente san. Somos primeiro mundo e non unha ditadura bananeira, ¡que carallo! Aquí vivimos en paz e temos liberdade de expresión, tal e como corrobora o feito de que eu poida escribir o que me pete neste blog. Citando a Augusto Pinochet, santo varón que guía co seu exemplo aos nosos axentes da orde “liberdade si, pero non libertinaxe”. Eu non me meto contigo, ti non te metes comigo, e todos en paz. E se fas o contrario es un comunista de merda e ha caer sobre ti todo o peso da lei. Despois non digas que non te avisei. Porque colegas si, os da Millí Polís son colegas, pero como rompas a norma han estar aí para amosarche o recto camiño. E seica teñen métodos moi persuasivos. Pero creo que xa estou a falar de máis. De máis para alguén que, coma min, non sabe nin escoitou nada. ¿Que como nos vai por Millí? Pois ben. Seica dá sol para esta fin de semana.

h-8-portada-milli-polis-peque.gif

h-8-1-peque.gif

h-8-2-peque.gif

Créditos: Axente Blanco (Óscar Blanco); axente 1 (figurado); axente 2 (Ramón de Comercial Ares); axente 3 (Xabier Cabezudo).

Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 13 de xuño.

Chúzao | del.icio.us

Non hai Comentarios »

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>