A boneca de millo
xosi @ 09:08
Estes días ando a voltas con Los nuevos amos del mundo, de Jean Ziegler, un libro deses de magnitude 12 na escala de Richter que teñen a virtude de abanearte coma un monicreque para que espertes, de abrir os cinco dedos de cada liña para zorregarte labazadas de realidade. Literatura aparte, a obra en cuestión -na que aínda ando pola metade- é unha das radiografías máis descarnadas e lúcidas que caeron nas miñas mans sobre os efectos devastadores da globalización económica, unha diatriba sen edulcorantes sobre o xenocidio que os amos do mundo –as bancas e as multinacionais a través dos seus mercenarios (OMC, Banco Mundial e FMI) e do seu matón (Estados Unidos)- están a perpetrar sobre o planeta e sobre a humanidade. Sen dúbida, este texto ha ter o seu espazo no meu blog.
Mais o motivo desta entrada foi destacar un detalle que a un pai de familia, como é o meu caso, lle remexe o estómago, por non dicir a conciencia. Nun capítulo titulado “A destrución dos homes”, Ziegler analiza a condicións nas que fan o seu traballo o meirande dos traballadores que teñen a ¿fortuna? de ter un emprego en moitos países subdesenvolvidos. “Xornadas de 14 a 16 horas son moeda corrente. Os salarios son míseros. As horas extras en contadas ocasións se pagan. Os dereitos dos traballadores son ignorados con toda soberbia polos encargados e os gardas armados que se encargan de que reine a orde do empresario na fábrica. De China a Honduras, en Mexico e en Guatemala, de Corea do Sur a Filipinas, a Sri Lanka e Santo Domingo, a escravitude contemporánea xostrega hoxe a preto de trinta millóns de seres humanos”. No ámbito latino, bautizáronse estes guetos da explotación de homes e mulleres polos seus semellantes como maquilas. Trátase de zonas francas nas que os propietarios das fábricas non pagan dereitos de importación para as materias primas, nin de exportación para os produtos rematados, nin impostos de ningunha caste.
Todos somos consumidores forzados do produto da escravitude. Na nosa sociedade de consumo é practicamente imposíbel liscar de sermos cómplices dos negreiros. As prendas de vestir que levo, o mp3 no que escoito audiolibros, o ordenador no que escribo este texto, están manchados coa agre suor da inxustiza. O meirande da xente non o sabe. Quen o sabemos, trampeamos como podemos para non picar demasiadas veces nas bagatelas que nos ofertan os monstros da infamia e, cando caemos, facemos pinchacarneiros coa nosa amnesia para que a verdade non nos amargue a privilexiada vida que levamos no norte.
Así vas tirando. Pero atragoouseme nas entrañas constatar –porque xa o sabía- que a inocencia, a ledicia, os risos dun neno cando enreda cun xoguete poden estar hipotecados pola cobiza asasina duns poucos. Seguindo co tema das maquilas, Ziegler di que “En 2002, o 65% de todos os xoguetes infantís (bonecas, trens en miniatura, pelotas, robots, Monopoly, etcétera) importados pola Unión Europea proveñen destas zonas [maquilas]. As dúas sociedades transcontinentais máis importantes que controlan o mercado son Mattel (Barbie) e Hasbro (Monopoly). China, como todo o mundo sabe, vive baixo un réxime de partido único. O sistema de explotación que os apparatchiks comunistas puxeron en marcha coa complicidade das sociedades transnacionais do xoguete é dunha ferocidade implacábel: nas zonas especiais de produción chinesas, os obreiros e as obreiras traballan ata 16
horas diarias, os sete días da semana. O salario medio por hora representa o equivalente de 30 céntimos de euro. O pago das horas extras e o traballo nocturno, o salario mínimo, son descoñecidos nas zonas especiais de produción chinesas. Dos permisos por maternidade, as obreiras destas zonas nin sequera saben o que son. As pausas están cronometradas. En numerosos talleres, non pasan de cinco minutos. O sistema funciona de marabilla. Cando os xoguetes chegan aos grandes almacéns de Berlín, París, Roma ou Xenebra, os custes salariais representan ás penas o 6% do prezo de venda ao público. Os truts internacionais do xoguete fan negocios espléndidos e os apparatchiks comunistas enchen o peto. Os obreiros e as obreiras chinesas, pola súa banda, o máis seguro é que rematen por morrer de xeito prematuro, polas emanacións tóxicas que asolagan os talleres insalubres –os xoguetes teñen fermosas cores-, por desnutrición e numerosas enfermidades causadas pola miseria”.
Sempre tiven tino de mirar ben a procedencia xoguetes do noso Breixo. Pero pouco importa. Dende que naceu, toda a xente que o quere, familia e amigos, coa mellor intención do mundo, regaláronlle ducias de brinquedos cun aséptico “Made in China” gravado que se me antolla o número que lle tatuaban de por vida aos presos de Austwitzch. E é que a escravitude contemporánea democratizou o poder adquisitivo, vía Cadena 100, á hora de mercar trastes. Pola miña banda e parte de responsabilidade, direi que son deses apoucados que non se atreven a rachar nin a ilusión inicial que o agasallo produce no cativo, nin coa ilusión parella daquel que lle agasalla. Tal costume acaba por xerar montañas de cachifallos que o neno axiña esquece. Nos primeiros anos de vida, tenlle tanta graza a un cativo xogar coas potas da cociña como cun coche teledirixido. Hoxe, calculo que o 95% dos xoguetes que ten o noso Breixo non foron mercados polo seu pai nin pola súa nai. Dese 95%, unha porcentaxe semellante fabricouse en China. Aos seus dous anos e tres meses, Breixo segue a preferir que o leve a pasear en bicicleta, que xogue con el á pelota ou que lle lea un conto, antes que quedarse só con ese fabuloso tesouro da piratería contemporánea esculpido en plástico e circuítos integrados.
Madia leva neste mundo ollar con nostalxia os tempos idos. Miña nai contábame que, canda nena, o seu xoguete viña polo verán, cando os plantíos de millo comezaban a madurecer. Coas mazarocas facía bonecas peiteándolle o penacho, pintándolles un rostro co que conversar e poñéndolles por roupa algún farrapo vello que tiña a man. A pesares da miseria na que vivían, a felicidade de xogar ninguén llela quitaba. Daquela, miña nai non sabía o que era un televisor nin a publicidade infantil, descoñecía que puidese haber outros xoguetes máis sofisticados cá súa boneca de millo, ignoraba que existisen materiais derivados do petróleo como o plástico e, incrible pero certo, que no mundo vivise xente máis escrava ca unha labrega.

Chúzao
del.icio.us









Non hai Comentarios »
Deixar un Comentario