Apóstolos da memoria
xosi @ 20:23
De volta do Encontro de Blogueiros celebrado n’Agolada (Auga Levada como a do caño da fonte), sento diante do ordenador co convencemento de que as caras de quen escribe na rede non son tan importantes como as súas propias palabras ciscadas como botellas náufragas a un océano de silicio. Foi bo poder conversar brevemente con eles e con elas, poderlle debuxar rostro ás súas confidencias electrónicas, mais unha vez coñecidos, volvemos estar todos e todas diante do computador coa teima de comunicarnos a berros co altofalante do noso teclado. Así debe ser, e está ben que así sexa.
Como imaxino que ha sobrar quen faga crónica do dito e do feito, e de dicidores e facedores, en tan magna xornada na patria dos Pendellos, decidín ceibarlle as rédeas á miña subxectividade e destacar algún que outro detalle deses cos que un se queda sen ter que dar explicacións daqueles nos que a miña curtidade me impediu reparar.
En primeiro lugar, é obrigado ter unhas palabras para os nosos anfitrións agoladenses –que non agolenses- e, en especial, para Manuel Busto, alma mater de Aquam Latam. Amais de anfitrión, Busto oficiou como guía da grea internauta que alí nos demos cita, e levounos da man nunha viaxe pola accidentada peripecia vital dos Pendellos. A min, o Busto lembroume moito ao noso Xosé Manuel Broz, director do Museo da Terra de Melide dende hai trinta anos. Ambos teñen ese raro don consistente en comprender a linguaxe das pedras. Falan con elas cando ninguén os ve, confésanlles polo baixo os seus segredos e arelas, escóitanas, gábanas e deféndenas, cortéxanas como a unha amante e pactan con elas de por vida un “ata que a morte nos separe”. Bichos raros, ¿non si?, máis indispensábeis para a nosa cordura, para darlle dimensión a ese espazo ao que non chegan os nosos recordos, para encher de bytes o CD ROM da nosa conciencia colectiva.
Non se pode falar da xornada do sábado sen mencionar a presenza do escritor de Quián, Xosé Vázquez Pintor, a quen teremos en Melide o 7 de xuño para ser homenaxeado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. O affaire que mantén Busto coas pedras xa hai ben tempo que Pintor o ten coas palabras, co noso idioma. Para decatarse disto, tan só hai que lerlle calquera das súas creacións, sexa ensaio, poesía ou prosa. Unha traza definitoria do seu estilo é a fabulosa riqueza léxica que nos regala en cada páxina dos seus escritos ou de viva voz, porque Vázquez Pintor é unha desas rara avis que, amais de escribir como un verdadeiro mestre das letras, é quen de falar como escribe, e ese é un espectáculo que pouca xente nos pode regalar. É a súa maneira de facer País, mais dáme que tamén é o seu xeito de exercer a arqueoloxía, de desenterrar do esquezo os vocábulos que herdamos dos avós e que temos esquecidos e cubertos de arañeiras nun afastado curruncho do noso inconsciente. Tanto para Busto como para Pintor vai o titular deste post. Ambos son apóstolos da nosa memoria.
E, como non, tamén hei ter unhas palabras para o blogueiro máis novo do encontro, o Leo que, tutelado por “os seus” e con ás penas vinte mesiños, andaba a emborracharse a conciencia da realidade circundante: que se gaitas, que se bombos, que se coches antigos... Tal foi a borracheira que caeu rendido e se deu unha boa sesta mentres o resto dos mortais andabamos a enlearnos nas nosas intranscendencias. Foi a parte máis visíbel dun bo feixe de xente nova que tamén anda a tecer voces pola rede. Vendo o que dan de si as inquedanzas de rapazas como a zanfonista, miro de esguello cara á miña adolescencia e case sinto vergonza. A mocidade que vin n’Agolada fíxome volver caer na ilusión de que, a pesar de los pesares, segue a haber esperanza para a supervivencia deste pobo chamado Galiza.
E para rematar, os versos manuscritos sobre os Pendellos que leu para nós Xosé Vázquez Pintor. Pedinlle a tarxeta coa escusa de que a quería reproducir no blog. Pero era mentira. En realidade quería arrebatarlla para gardala no cofre dos tesouros. Aí está baixo sete chaves. Mais para que non haxa queixas nin reclamacións, velaí queda como recordo dunha xornada para non esquecer.

Chúzao
del.icio.us







Comentarios(11) »
Fago miñas as tuas palabras nese ben escrito recoñecemento á xente da Asociación Os Pendellos de Agolada e tamén a ese mestre da palabra que é X. Vázquez Pintor (eu cacheite cando te facías co tesouro...).
Todo un pracer.
Amigo Xosi: Síntome obrigado contigo polas palabras tan garimosas e cheas de loanzas que nos dedicas a Asociación, a Pintor, á Xuntanza e a min. Grazas, por tanto.
Vémonos o sábado na homenaxe da AELG, Melide e os amigos a Pintor e podermos seguir na tarefa do coñecemento mutuo.
Onte foi un día extraordinario desde a miña perspectiva. Hoxe síntome canso e cunha profunda resaca anímica por tantas sensacións experimentadas ao longo da xornada. Todas positivas e engaiolantes.
Ata o sábado.
Apertas para ti e os teus.
Extraordinaria crónica, da que suscribo todo e rescato en especial estas palabras:
"A mocidade que vin n’Agolada fíxome volver caer na ilusión de que, a pesar de los pesares, segue a haber esperanza para a supervivencia deste pobo chamado Galiza"
Saúdos
Grazas por publicar as fotos da xuntanza quedaron ben chulas. Seguirei a ler oteu blog que paréceme moi interesante. Saúdos.
Estou con Cuspe de pita, en resaltar esas verbas. Quedei entusiasmada con personaxes coma a zanfonista, con DÄgolada, as beiras do arnego, cousas de min...
Eu sempre penso que esperanza ai, tan so fai falta chamar dela!
Foi un pracer coñecervos un pouco, compartir, descubrirnos no mellor dos sentidos. Que a vena creativa non pare nunca e que este encontro sexa só un comezo.
No seguinte enderezo podedes ollar algunhas fotos do encontro
http://picasaweb.google.com/lvinhas6/Xuntanzablog
unha aperta
É verdade que a xente de Agolada se portou de marabilla connosco e o Leo desfrutou con toda esta familia virtual.
É verdade que a xente de Agolada se portou de marabilla connosco e o Leo desfrutou con toda esta familia virtual.
Seino, xa o dixen noutros comentarios, o sabdao foi xigante, foi fermosísimo, o espazo, as xente, máis soubo a pouco!
teremos que ir pensandpo en atoparnos prontiño, xa que quedaron moitas cousas por contarmos!
Co teu permiso Xosi, non puiden evitar ter un pouquiño de envexa do teu tesouro, e non parei ata facerme co puño e letras do maestro, espero que me desculpes! je!
eu quedeime cun bico do leo, que me dou a beira do embigo dunha sobreira!
un pracer!
Pois si.
Luis, Ángel, Manolo, as mozas :) todas dos Pendellos, acolléronnos
Vazquez Pintor é o elo da cadea da palabra, dende que escoitou a Pedraio
Os Pendellos son o elo da memoria, que non debe ser candado nunca
Fantástica representación Melidense,
juanjo
Xa temos cousas en común, ser blogueiros e blogueiras, e compartir as sensacións e imaxes que nos deixou a xornada dese domingo 31 de maio, inesquecible, en Agolada. Apertas, saúdos, saúde e felicidade. Ata a próxima.
http://www.blogoteca.com/vicentemontoto/index.php
Vicente Montoto, autobiografía.
Deixar un Comentario