Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Horticultureta

xosi @ 16:19

133-sacho-e-mp3.gifNon se trata dunha palabra híbrida dacabalo entre hortera e sabichón. Para nada.O que pasou foi que estes días, desherbando que che desherbarei, ocorréuseme facer algo para aproveitar mellor esas horas que só producen broza a mancheas e torzóns nos cadrís. Decidín, xa que logo, que, aparte de cultivar hortalizas, podía asemade cultivarme eu mesmo sen deixar de ter os pés na terra. Para conseguilo tiven que axuntar dous dos grandes logros da tecnoloxía patria: o sacho da miña sogra e un reprodutor de mp3 Blu:Sens. Así, mentres escribo con suor nos anais labregos a miña particular xesta coas adventicias, escoito audiolibros co lector dixital. Baixeime un bo feixe deles co Emule, principalmente dos que se teñen radiado no programa Historias, dirixido por Juan José Plans en RNE, e que debullaron, entre 1997 e 2003, unha calidade soberbia (banda sonora, efectos especiais, voces personalizadas para os diversos personaxes, boa dramatización, limiares e epílogos con información sobre o autor e a obra literaria, etcétera). Nas últimas dúas semanas caeron De la tierra a la luna, de Jules Verne; e Otra vuelta de tuerca, de Henry James; e, de paso, deixei limpiñas as leitugas, as patacas, as cebolas, os pericos e os allos, amais de preparar a terra para plantar as cenorias, os repolos e as coles de Bruxelas. Nunca tan cultural foi a horticultura no prado de abaixo, no límite entre a parroquia de Santa María e o núcleo urbano de Melide, a carón do camiño dos Tagarros. Na recámara agardan varias obras de Verne, Poe, Wilde, Stevenson, Wells, Stoker, Conan Doyle, Hoffmann, etcétera. Tantas, que estou desexando que escampe dunha vez para poder madrugar na horta día si e día tamén e poñer a andar ese medio cuartillo aínda cativo das voraces hordas da incultura botánica ou, o que é o mesmo, das malas herbas.

Chúzao | del.icio.us

Un Comentario »

#1
xoan

Si señor. Iso é aprobeitar o tempo e o mp3. Eu adoito empregalo ao pasar a aspiradora con rock ´n roll a toda pastilla (polo ruido máis que nada).
O dos audiolibros haberá que probalo, non para pasar a aspiradora, pero si mesmo para ir no carro. Os que non temos horta, maís que de maceta, temos que idear outras historias.
Unha aperta

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>