Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Candoroso Auschwitz

xosi @ 16:21

131-o-neno-do-pixama-a-raias.gifVeño de ler unha das sensacións literarias da tempada: O neno do pixama a raias, do irlandés John Boyne, publicada en galego por Faktoria K de libros e traducida por Daniel Saavedra. Antes de proseguir, direivos que o autor deu orde de que nas lapelas do libro non se adiantase ningún dato da trama argumental, polo que se queredes lelo e respectar a súa vontade, non sigades con este post.

Aclaradas as cousas, a min O neno do pixama a raias pareceume un bo libro, deses escritos para todos os públicos e que se len dun tirón, pero que lidia cun tema nada amábel para a conciencia como o holocausto nazi. Aínda que xa se teñen vertido ríos de tinta sobre ese vergonzoso episodio da historia recente, Boyne tivo a orixinalidade de contar o seu relato dende o punto de vista dun neno de nove anos que, en Auschwitz, xogaba na equipa dos verdugos. Fillo do comandante que dirixe o campo de132-o-neno-do-pixama-a-raias.gif exterminio, Bruno, que así se chama o rapaz, vivirá nunha burbulla de comodidade e mentira piadoso-burguesas, sen saber o que acontece alén dos arames de espiño que se vén dende a súa casa. Así, a través dos seus ollos, viviremos os seus padecementos intranscendentes –a mudanza dende a casa de Berlín, a separación dos seus amigos, a soidade inicial- e verémonos forzados a intuír os terríbeis acontecementos que se deron naquel punto do espazo e do tempo que ficou gravado a lume nos anais da humanidade. Boyne condúcenos maxistralmente para que esa realidade nin sequera mencionada (non atoparás en todo o libro vocábulos como campo de exterminio ou campo de concentración, nazi, guerra, Auschwitz, –que o neno pronuncia como Ouvichs-, cámara de gas, ou execución, por só citar algúns que me veñen á cabeza a bote pronto) sexa un latexo constante que, a pesares da súa mudez, vibra coa potencia dunhas badaladas a defunto camufladas entreliñas.

130-john-boyne.gifHaberá un intre no que esa burbulla sexa traspasada por outro neno, Shmuel, un cativo xudeu na outra banda do aramado co que Bruno trabará amizade. Ese é o neno do pixama a raias, alusión inocente do protagonista á vestimenta dos prisioneiros do campo. A historia é, en certa maneira, previsíbel, contada cunha impecábel corrección, sen chatas que airear –agás algún pecado venial como certos descoidos no punto de vista ou erros no galego da tradución-, mais sen chegares a callar nunha obra de alto calibre literario. O seu éxito asoballante achácollo eu, se cadra, ao tratamento dun tema de fondo calado, tráxico onde os haxa, cunha prosa ao alcance de calquera, o que fai que sexa difícil non gozar coa súa lectura.

129-nenos-auschwitz.gif

Chúzao | del.icio.us

Non hai Comentarios »

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>