Sexta entrega de H
xosi @ 09:34Por fin un personaxe feminino. Non é sen tempo. Mais, a tal Eléktrika, que así se chama a moza protagonista deste episodio, fai a súa aparición en H no medio dunha agre polémica. E non ten nada que ver coa discutible licencia que se toma o autor ao utilizar por partida dobre unha letra que non existe no alfabeto galego. A polémica que vou agora a denunciar sen pelos na lingua é de máis fondo calado. O caso é que esta sexta entrega evidencia que o autor lle ten máis estima a Eléktrika que ao resto da fauna gansteril de Millí. Si, si, como o escoitades. ¿Non é para rachar as vestiduras? Vexámolo con probas. En primeiro lugar, ¿por que lle dedica unha rotulación propia a Eléktrika? Porque, en efecto, a señorita Eléktrika ten un rótulo propio, o que a pon ao mesmo nivel que H ¿Por que non lle puxo rótulo propio a Cho-Tsi? ¿Ou ao axente Branco? ¿Ou a Enrique Huxtable? ¿Ou ao anano? É como se á Elektrika esta houbese que darlle de comer a parte. Ademais, ¿por que non comparte ela páxina co resto? ¿Non estamos á súa altura, ouh? ¿Non temos categoría de abondo para andarmos na mesma viñeta? Por se non abondase, non ten só unha páxina, non; ten dúas páxinas, e para ela soa. Manda carallo. Aínda hai clases, e a tal Mónica Yañez, que é a que interpreta a Eléktrika segundo os créditos, debe ter un trifásico de aquí a Ponferrada co Pedro Panduriño. A saber o que lle faría para ter semellante influencia sobre el. Pensade mal e acertaredes. E non me chamedes machista, que ben sei o que me digo. Teño datos, que para iso son o editor e o xefe da mafia chinesa. Eu aturando ao anano e poñendo o meu pelexo en perigo na loita contra as outras mafias, e a señoritinga facendo rotas de sendeirismo pola montaña. Non me estrañaría que a cousa dexenerase e a seguinte entrega fose unha fantástica fin de semana da tal Eléktrika nunha estación de esquí. Pero isto non quedará así. Non señor. Xa contactei co Sindicato da Banda Deseñada, e estamos estudiando a posibilidade de poñerlle unha querela criminal ao Pedro por abandono e desprezo deliberados da súa proxenie. Agardemos que tan proceloso asunto teña un desenlace feliz e que o autor lle dea un trato parello a todos os personaxes, sen discriminacións de ningún tipo: nin pola raza, nin polas crenzas, nin polo rango e, si, debo dicilo: NIN POLO SEXO. Creo que lograrei poñer de acordo a todas as mafias de Millí nesta xusta reivindicación.
Créditos: Eléktrika (Mónica Yáñez).
Continuará. A próxima entrega será o vindeiro venres, 30 de maio.





Chúzao
del.icio.us







Non hai Comentarios »
Deixar un Comentario