Irrespirable Manu Chao
xosi @ 08:13
Irrespirable polo xentío suorento congregado baixo a carpa nos Escolapios de Monforte; irrespirable pola mesta brétema de tabaco, haxix e marihuana; pero irrespirable, sobre todo, por que o rei da pachanga non deu un respiro ao auditorio, porque en cada tema, por tranquilo que fose, sempre había agachado un cambio de ritmo-lapa nos baixos do pentagrama que estouraba cando menos o agardabas, porque o público metamorfoseouse nun mar de fondo visceral dende o primeiro acorde que te atrapaba e te levaba canda si para non deixarte. E así durante case tres horas tralas cales ata os máis ousados caeron derreados. E cando todos marchabamos tralos xenerosos bises, cando a carpa xa ficaba medio baleira, de socato saen de novo e volven tocar, Radio Bemba e o Manu, sen que ninguén llelo pedise, como se eles mesmos se esixisen outro bis, e de novo a barafunda.
Como unha addenda ao Día das Letras Galegas que viña de fenecer coas badaladas da media noite, o concerto comezou co himno galego interpretado por un grupo de música tradicional de Monforte apadriñado por Chao pai, o Ramón, que na xornada anterior estivo de conferenciante polas terras de Lemos. Nese intre inaugural, Ramón Chao mantivo o puño esquerdo erguido para entoar os versos de Pondal sen agachar a súa emoción. Mentres se despedía o proxenitor dun público afervoado ao pairo nun mar de kalimotxo, o fillo e os seus Radio Bemba facían apoloxía do buen rollito tralas bambolinas abrazándose como se fixese anos que non se visen. Principiaba así a xira mundial de La Radiolina, último traballo discográfico de Manu Chao, máis eléctrico e potente cós anteriores e, para quen isto escribe, dunha altísima calidade técnica e emocional. Deses discos que polos temas tratados chega ao corazón, e polo bo nivel musical conquista axiña os oídos.
E comezou. Bandeira galega con estrela vermella guindada dende o público. Manu recóllea e átaa á cintura. Ficaría nas súas cadeiras a xeito de mandil durante todo o recital. Despois viría a Ikurriña, pousada con respecto ao pé da batería. Como a confianza dá noxo, o público empezou a guindarlle todo tipo de prendas e obxectos sen que ningún fose desprezado. Pouco despois, a xente cansouse de sementar roupa sobre o escenario, e comezou a botarse a si mesma. A coreografía foi sempre idéntica: os de seguridade que viñan, e Manu cun xesto que lles dicía que “tranquilos”. E a xente ficaba no escenario bailando, bicando e abrazando a Chao, facendo o que lle petaba, ata que marchaba por propia vontade. Iso foi unha constante, como a imparábel enxurrada de decibelios que nos arrastrou. Non sei se foi por ser este o primeiro concerto da xira, pero notábaselle ao grupo fresco, moi fresco, con ganas de dar caña e de tocar, de empatarse co auditorio. Tamén se lles notaba a gusto. O caso é que só fixeron un par de descansos tan breves que non deu tempo nin a tomarse unha cervexa para recuperar folgos. E iso que o guitarrista, Fahem Madjid, viña lesionado nun xeonllo e tivo que tocar a súa Gibson SG sentado.
Desta maneira, bañados en suor, debullaron boa parte do melloriño da discografía en solitario de Manu Chao, un chisco de rumba catalana –con nomeada homenaxe ao Gato Pérez- para collermos folgos, e algún dos temas máis emblemáticos de Mano Negra que ficaron para o final: Mala vida e Sidi h’ Bibi. Agás o interludio rumbeiro, o concerto foi moi eléctrico, con partes suaves en
plan reggae ou ska ás que sucedían descargas con selo de auténtico punk sostido no ritmo avasalador que acadaban conxuntamente Philippe Teboul Garbancito (ex Mano Negra) nas percusións e David Bourguignon á batería. Amais da mensaxe reivindicativa que contiñan boa parte dos temas, Chao tivo unha lembranza especial para o Sahara. Preguntouse por que agora, a piques de celebrarse os xogos olímpicos en Pequín, todos os políticos
lembran que o Tíbet está ocupado, tras padecer amnesia hai oito anos cando o COI escolleu a candidatura chinesa. A partir de aí, elucubrou coa posibilidade de que o máis alto evento deportivo se celebrase en Marrocos; ¿lembraríanse, entón, os políticos españois de que existe o Sahara? Foi a escusa para que Chao pedise o apoio para unha iniciativa da que eu non tiña noticia. Parece ser que se vai promover unha recollida de sinaturas a escala mundial para pedir que o Sáhara Occidental sexa a sede dos xogos olímpicos de 2016... Vaiche boa. Así e todo, que conten coa miña rúbrica.
Pouco máis, meus. Hei seguir escribindo sobre Manu Chao, pero ha ser outro día. Se tedes ocasión de poder escoitalo xunto a Radio Bemba en directo, non a desperdiciedes. Poucas veces vin uns músicos tan achegados ao seu público e as distancias tan abolidas entre o escenario e o auditorio como neste concerto de Monforte. E que elixise Galiza para arrincar os motores dunha xira mundial é algo que hai que terlle en conta.


Chúzao
del.icio.us





Non hai Comentarios »
Deixar un Comentario